- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación de interiores no núcleo de Pedras, na parroquia de Ames. As obras, incluídas no POS+2021 da Deputación da Coruña, foron adxudicadas á empresa Excavaciones Cernadas Valiña SL por un importe de 76.041,32 euros (IVE incluído). O proxecto mellorará a seguridade e funcionalidade do viario, e engadirá unha senda peonil de 200 metros na zona oeste do núcleo. Está previsto que nas vindeiras semanas, cando a climatoloxía o permita, se executen ditos traballos.
O Concello de Ames continúa coa reforma dos viarios dos lugares e aldeas do municipio. Nesta ocasión será no núcleo de Pedras, na parroquia de Ames. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación de interiores desta aldea por un importe de 76.041,32 euros (IVE incluído) á empresa Excavaciones Cernadas Valiña SL. Desta maneira, acondicionaranse tres treitos de vías interiores, que suman un total de 675 metros.
O proxecto prevé a mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. A meirande parte do renovado viario terá unha anchura de 3 metros, con tramos reducidos de maiores dimensións tanto na zona sur e na oeste, onde aumentará a 4,7 e 2,5 metros, respectivamente.
Por outra banda, na zona oeste será construída unha senda peonil de 200 metros de lonxitude e 2 metros de anchura media, acompañados dunha gabia transitable de 800 metros, que serán executados con saburra e pavimento de formigón. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.
Por último, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, sinalou que esta obra “é un novo exemplo das melloras que vimos realizando nos accesos e os interiores dos núcleos do rural, onde seguimos traballando e mantendo un bo ritmo de actuacións”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudicadas las obras de pavimentación del núcleo de Pedras, en Ames"