Pestanas principais

Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros

Mércores, 19 de febreiro de 2025

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de dous proxectos do POS+ 2024 a través dos cales se van a pavimentar os viarios dos lugares de Biduído de Arriba e Casanova, ambos pertencentes á parroquia de Biduído. As obras no núcleo de Biduído de Arriba foron adxudicadas á empresa Cosmalca SL por 176.182,39 euros, mentres que o proxecto que se vai executar na aldea de Casanova adxudicouse á empresa Marconsa (Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa SL) por 122.384,82 euros. Nestas dúas obras vanse a investir un total de 298.567,21 euros.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos do rural. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dos proxectos de mellora dos viarios nos núcleos de Biduído de Arriba e Casanova, situados na parroquia de Biduído. Estas obras, que están sufragadas con cargo ao POS+ 2024, foron adxudicadas por un importe próximo aos 300.000 euros.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “a través do POS+ 2024 temos a posibilidade de executar dúas obras na parroquia de Biduído que van a mellorar os viarios do lugares de Casanova e Biduído de Arriba. Estes proxectos enmárcanse dentro do plan de arranxo dos interiores de núcleos do rural. Deste xeito, aseguramos que as vías e os interiores dos núcleos estean correctamente acondicionados e que se mellore a súa funcionalidade e seguridade”.

As obras no núcleo de Biduído de Arriba foron adxudicadas á empresa Cosmalca SL por 176.182,39 euros, mentres que o proxecto que se vai executar na aldea de Casanova adxudicouse á empresa Marconsa (Movimientos de Áridos y Construcciones de Arosa SL) por 122.384,82 euros. Nestas dúas obras vanse a investir un total de 298.567,21 euros.

Características do proxecto en Biduído de Arriba
As actuacións que contempla o presente proxecto están encamiñadas á reparación e mellora da pavimentación de viarios en Biduído de Arriba. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición da superficie de firme existente. En ámbalas marxes disporase dunha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o resto dos viarios prevese, nunha superficie de viario de 860 metros cadrados de viario existente, así como 100 metros cadrados de sobreanchos tamén existentes, a extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.

Nunha superficie de 690 metros cadrados proxéctase un paquete completo de firme con 10 centímetros de zahorra para a nivelación do camiño, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo en toda a superficie e a posterior extensión de 6 centímetros de aglomerado en quente. Todo elo previo acondicionamento da explanación.

Baixo o novo pavimento de formigón prevese a canalización de 320 metros de tubo de polipropileno de 400 milímetros coa instalación de 16 arquetas con sumidoiro, 16 pozos, unha arqueta para colector con reixa e un total de 26 metros de canle de fundición dúctil con reixa, para a correcta recollida das augas pluviais. Para a rede de iluminación pública disporase en toda a actuación unha canalización de polipropileno de 90 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas.

Características do proxecto en Casanova
As actuacións que contempla o proxecto de Casanova están encamiñadas á mellora da pavimentación dos núcleo de Casanova. Para o viario do núcleo proxéctase un novo pavimento composto por 15 centímetros de formigón con mallazo sobre zahorra para a súa nivelación, previa demolición do firme existente. En ambas as marxes disporase unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho e cortes transversais, tamén de 35 centímetros de ancho.

Para o resto de viarios preténdese a mellora da capa de rodaxe con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos camiños dos extremos leste e oeste, de menor anchura, tamén se proxecta o arranxo dos mordentes de ambas as marxes mediante a execución dun paquete de firme composto por 20 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente.

Na contorna do cruceiro disporase un pavimento de lastra de granito. Co fin de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil proxéctase un treito de cuneta transitable de 85 metros de lonxitude e 1,00 metro de ancho medio e unha senda peonil de 55 metros de lonxitude e 2,00 metros de ancho. En ambos casos empregarase un pavimento composto por 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón con mallazo.

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable e na senda peonil disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse, pozos de rexistro, arquetas con sumidoiro e canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas.

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios, a súa sinalización horizontal e a colocación de catro sinais de stop.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames adxudica a pavimentación de Casanova e Biduído de Arriba"

Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros

Multimedia

  • Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros
  • Adxudícanse as obras de pavimentación de viarios nos lugares de Biduído de Arriba e Casanova por preto de 300.000 euros