- Tematica
A Xunta de Goberno local vén de aprobar o pasado 16 de marzo a adxudicación do contrato de obras de saneamento no núcleo de Caroubáns, pertencente á parroquia de Covas. O proxecto foi adxudicado á empresa Obras y Servicios Indigo SL por un importe de 119.181,41 euros (IVE incluído). Trátase dunha actuación que se realizará con cargo a fondos propios do Ciclo Integral da Auga. Estas obras teñen por obxecto a ampliación da rede de saneamento municipal co fin de rematar coas fosas sépticas particulares e as verteduras incontroladas ó medio natural.
Caroubáns, na parroquia de Covas, vai gozar dun importante investimento na mellora da súa rede de saneamento. A Xunta de Goberno Local do pasado 16 de marzo aprobou a adxudicación de dito proxecto á empresa Obras y Servicios Indigo SL por un importe de 119.181,41 euros (IVE incluído).
A rede de saneamento recollerá as augas residuais no núcleo de Caroubáns, canalizándoas pola cuneta da estrada DP – 0203 ata a súa vertedura nun pozo existente na parte alta do núcleo de Loureiros. Para a execución do saneamento instalaranse 19 pozos de rexistro.
O proxecto abrangue, tamén, a ampliación dun treito de 300 metros da rede de abastecemento mediante canalización de polietileno de alta densidade de 63 milímetros de diámetro e 16 atmosferas de presión nominal e 2 válvulas de seccionamento coas correspondentes arquetas.
Para o núcleo de Caroubáns reporase o pavimento de formigón en toda a súa extensión mediante a execución de 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón en pavimento con mallazo. Este paquete de firme empregarase asemade para o acondicionamento do camiño que comunica coa estrada DP – 0203.
Nunha lonxitude de 200 metros ao longo da estrada DP – 0203 disporase unha cuneta de seguridade de 2 metros de ancho en formigón HM – 20 con mallazo e 15 centímetros de espesor sobre 10 centímetros de zahorra. Baixo a cuneta canalizarase tubaxe de polipropileno de 400 milímetros de diámetro para garantir a correcta drenaxe superficial xunto con 6 arquetas con sumidoiro.
Tamén se executará unha nova soleira para albergar a marquesiña e os contedores do lixo mediante 10 centímetros de formigón e 10 centímetros de zahorra. As actuacións complétanse coas reposicións dos pavimentos afectados, de varios elementos de drenaxe e da sinalización horizontal e vertical.
Estas obras de mellora do saneamento no rural súmanse ás xa executadas na parroquia de Bugallido, concretamente ás obras de saneamento e abastecemento levadas a cabo nos lugares de Guimaráns e Buceleiras, e que teñen por obxecto ampliar a rede de saneamento municipal. Estas actuacións, tamén incluídas no Ciclo Integral da Auga (CIA), contaron cun orzamento de 68.164,47 euros.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Adxudícanse as obras de saneamento do núcleo de Caroubáns, en Ames"
AMS GO!: "Adxudicado o saneamento de Caroubáns por 120.000 euros"