Pestanas principais

Adxudícanse as obras para habilitar un campo de lanzamento homologado para a práctica do atletismo por un importe de preto de 250.000 euros

Luns, 18 de decembro de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de mellora de equipamento no campo de lanzamento de Ventín, actuación incluída no Plan Ames Progresa 2021 – 2023. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Jardinería Arce SL por un importe de 247.498,87 euros (IVE incluído). Deste xeito, o antigo campo de fútbol do Biduído será adaptado como campo de lanzamento homologado para a práctica do atletismo. Esta actuación únese ás obras de rexeneración do campo de fútbol de Ortoño, onde se vai construír unha pista polideportiva, unha pista para a práctica da patinaxe e unha explanada para eventos e feiras.

A parcela do antigo campo de fútbol do Biduído será adaptada como campo de lanzamento homologado para a práctica do atletismo por un importe de preto de 250.000 euros. O proxecto foi adxudicado na Xunta de Goberno Local do pasado 1 de decembro á empresa Jardinería Arce SL por un importe de 247.498,87 euros (IVE incluído). As parcelas afectadas xa están sendo utilizadas na actualidade polos club de atletismo do concello para a práctica de varias disciplinas deportivas de atletismo.

O proxecto recolle a construción dun corredor de lanzamento de xavelina e dun círculo de lanzamento de peso, cos seus correspondentes sectores de caída. O corredor de lanzamento de xavelina executarase de xeito paralelo á xaula de lanzamento de disco/martelo existente, de forma que os sectores de caída dunha e outra disciplina poidan ser compartidos. Dito corredor estará composto por un corredor de lanzamento, arco límite e sector de caída da xavelina.

O círculo de lanzamento de peso disporá dun sector de caída do artefacto con pavimento de arena e sub-base drenante, delimitando dito sector con borde de formigón prefabricado. Ademais, executaranse gabias drenantes en forma de espiña de pez que garantan unha drenaxe eficaz do terreo de xogo.

No proxecto tamén está contemplada unha mellora dos accesos e dos vestiarios da instalación, así como a colocación dun novo portal metálico de porta corredoira. O pavimento dos accesos executarase con formigón e tamén se executarán traballos de mantemento no porche exterior existente e nun dos locais de almacenaxe de material deportivo.

Rexeneración de instalacións en desuso
Esta actuación únese ás obras de rexeneración do campo de fútbol de Ortoño, onde se vai construír unha pista polideportiva e outra destinada fundamentalmente á práctica da patinaxe. Tamén se vai habilitar unha explanada pensada para a realización de diversos tipos de eventos e feiras, así como por se é necesaria para facer algún tipo de curso de seguridade viaria. Ditas obras foron adxudicadas á empresa MERAKI CR SL por un importe de 268.155,30 euros (IVE incluído). O proxecto está incluído no POS+ 2022 da Deputación da Coruña.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “estase a traballar no acondicionamento dos antigos campos para a práctica do patinaxe e do atletismo, deste xeito aproveitaremos antigos espazos deportivos, hoxe en desuso, como poden ser os campos de Ortoño e de Ventín. Nestas dúas actuacións imos a investir máis de 500.000 euros para mellorar estas instalacións e poñelas en funcionamento de novo”.

Ademais, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “este é un proxecto moi demandado polos clubs de atletismo do concello e trataremos de que estea a disposición de ditos clubs o antes posible. Temos un gran número de rapaces e rapazas no concello que practican atletismo e patinaxe e que merecen dispor dunhas instalacións axeitadas para poder adestrar e competir”.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames terá un campo de lanzamento homologado para atletismo"

Ames Go: "Ventín contará cun campo de lanzamento de xavelina e de peso homologado"

 La Voz de Galicia: "Ames asigna 500.000 euros a obras en Agrón y a construir una pista de atletismo"

Plano da zona de lanzamento