Pestanas principais

Adxudícanse por preto de 50.000 euros as obras de mellora dun viario interior en Biduído de Abaixo

Luns, 20 de xullo de 2020

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 16 de xullo, a adxudicación do expediente de contratación da licitación das obras de mellora dun viario interior no lugar de Biduído de Abaixo. Trátase dunha actuación incluída dentro dos proxectos financiados con cargo ao superávit de 2018. Estas obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas SL por un importe de 49.343 euros.

No pasado pleno ordinario de novembro de 2019 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de modificación orzamentaria número 4/2019, na modalidade de suplemento de créditos, por un importe de 131.465 euros, para sufragar a mellora dun viario interior en Biduído de Abaixo, a pavimentación de varias rúas do Milladoiro (rúas Pardiñeiros, Cruxa, Agro do Medio e rúa de Abaixo) e maila mellora do parque infantil da Condomiña.

Posteriormente, o pasado 30 de decembro a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da licitación das obras para a mellora dun viario interior no lugar de Biduído de Abaixo. Unha vez finalizada a tramitación do expediente de licitación, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar este xoves, 16 de xullo, a adxudicación das obras de mellora dun viario interior no lugar de Biduído de Abaixo. O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones Cernadas SL por un importe de 49.343 euros.

Ditas obras executaranse nunha superficie de 1.070 metros cadrados con cinco centímetros de zahorra de 185 centímetros de pavimento de formigón, previa demolición do pavimento existente.

Ademais, preténdese realizar a canalización de 160 metros de tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro coas súas correspondentes arquetas con sumidoiro e pozos para a recollida das augas pluviais, previa escavación en zanxa. Tamén se contempla a execución dun total de 28 metros de caz de formigón con reixa e a adaptación dos pozos e arquetas existentes á nova rasante.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “con esta obra pretendemos arranxar un problema que se viña orixinando todos os anos debido á non existencia de canalización de pluviais, e que ocasionaba que o camiño fose intransitable, así como que se anegara unha propiedade privada”. Remata dicindo que “con este tipo de actuacións continuamos poñendo en valor o noso rural e atendendo as necesidades existentes, e, neste caso asumindo as obras con fondo propios”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Adxudícadas as obras de mellora dun viario en Biduído de Abaixo, Ames"

Lindeiros: "Ames adxudica melloras en Biduido de Abaixo"

 

 

Biduido de abaixo