Pestanas principais

Adxudícase o contrato de mantemento de zonas verdes e axardinadas do concello de Ames por 1.531.860 euros

Luns, 31 de xullo de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 20 de xullo, a adxudicación do contrato de mantemento de zonas verdes e axardinados do Concello de Ames por importe de 1.531.860 euros (IVE incluído). O contrato reservado a centro especiais de emprego de iniciativa social foi adxudicado á empresa Coregal Parques e Xardíns SL. A prestación do servizo está previsto que se inicie o 1 de setembro de 2023. O contrato terá unha duración de catro anos sen posibilidade e prórrogas.

Ata o de agora os traballos de mantemento das zonas verdes e axardinadas do municipio estaban executándose de xeito esporádico en función das necesidades, polo que, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 23 de marzo o expediente de licitación para a contratación do servizo de mantemento de zonas verdes e axardinadas do concello de Ames. Unha vez tramitado dito expediente de licitación a Xunta de Goberno Local adxudicou o pasado 20 de xullo o contrato á empresa Coregal Parques e Xardíns SL por un importe de 1.531.860 euros (IVE incluído).

Este contrato está dirixido a centro especiais de emprego de iniciativa social e ten unha duración de catro anos. A prestación do servizo está previsto que se inicie o 1 de setembro de 2023. O contrato terá unha duración de catro anos sen posibilidade e prórrogas.

O prezo anual do contrato ascende a 382.965 euros ao ano, unha contía que se aboará en cinco exercicios diferentes: 2023, 2024, 2025, 2026 e 2027. En 2023 aboarase a parte proporcional aos meses de setembro a decembro que ascende a 127.665 euros. O mesmo acontece coa anualidade de 2027 que se corresponde cos meses de xaneiro a agosto e ascende a 255.310 euros. Nos exercicios 2024, 2025 e 2026 a contía anual é de 382.965 euros.

Persoal e traballos a realizar
O contrato inclúe a contratación de oito persoas: un xefe de servizo (enxeñeiro técnico agrónomo), un encargado, tres xardineiros e tres peóns. En canto aos traballos a realizar, o servizo inclúe tarefas de control e supervisión dos sistemas de rego automatizado, segas, recorte de bordes, resembrado, fertilización, recorte de arbustos, plantación, poda de árbores, escarificado ou a limpeza das árbores.

Entre as zonas de actuación destacan a área de Tapia, a contorna das piscinas e da Casa da Cultura do Milladoiro, a área de estacionamento de autocaravanas, a praza de Manuel Murguía, a da Madalena, a de Correos, o polígono do Milladoiro ou o campo fútbol. En Bertamiráns entre os elementos a conservar atopamos a contorna da piscina da Telleira, o parque do Ameneiral, a praza de Chavián, a Casa da Cultura, a praza do Concello ou o Pazo da Peregrina.

Melloras do contrato
Ademais, dentro da oferta presentada por Coregal inclúense traballos de melloras na ornamentación das zonas verdes a través do subministro e plantación de plantas de tempada, a mellora da sinalización en parques e xardíns nas zonas urbanas do concello, e maila mellora do mantemento e explotación do viveiro municipal de Barouta.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a importancia de dito contrato xa que o mantemento dos parques e xardíns públicos é competencia do Concello de Ames. Son espazos cunha importancia ecolóxica e paisaxística que requiren un mantemento continuo de conservación para que as persoas usuarias desfruten dun entorno de calidade. Ademais, a falta de mantemento xera danos no material vexetal, nas instalacións e nas infraestruturas das zonas verdes e axardinadas”.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, indica que “coa posta en marcha de dito contrato vaise mellorar, de xeito significativo, o servizo de mantemento das zonas verdes e axardinadas do concello. A través de dito servizo executaranse tarefas de control e supervisión dos sistemas de rega automatizada, segas, recorte de bordes, resembrado, fertilización, recorte de arbustos, plantación, poda de árbores, escarificado e limpeza dos mesmos”. Ademais destaca as melloras que inclúen o contrato “para a plantación de plantas de tempada, a mellora da sinalización en parques e xardíns, e mailo mantemento e explotación do viveiro municipal de Barouta”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ocho operarios vinculados a la iniciativa social van a mantener las zonas verdes de la capital maiana"

Ames Go: "Adxudicado o mantemento de parques e xardíns por catro anos e por millón e medio de euros a Coregal"

Imaxe do parque do Ameneiral

Multimedia

  • Imaxe do parque do Ameneiral
  • Imaxe do parque do Ameneiral