- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto da central de lavado dos comedores escolares de Ames. As obras, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, foron adxudicadas á empresa Esqueiro SL por 147.437,09 euros, e inclúen a adecuación da antiga nave de obras en Bertamiráns para implantar esta central. Trátase da primeira fase dun proxecto que rematará coa centralización das cociñas dos comedores neste mesmo espazo.
O proxecto para centralizar todas as instalacións do servizo de comedores escolares de Ames na antiga nave de obras de Bertamiráns segue avanzando, desta volta coa adxudicación da primeira fase desta actuación, coa que se construirá un módulo de lavado no que se realizará a limpeza da louza e dos aveños de cociña dos sete comedores municipais.
Neste senso, as obras para levar a cabo este proxecto foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local do pasado venres 19 de agosto á empresa Esqueiro SL, por un importe de 147.437,09 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.
Deste xeito, a Concellaría de Educación comeza a reutilización da nave de obras situada na avenida da Maía, en Bertamiráns, coa construción dunha área de lavado que disporá dunha superficie de 196 metros cadrados. Esta zona estará composta por unha zona de lavado, outra zona de entrada de sucio e subministracións, un almacén para carros, un local de limpeza e lixo, e un local para máquinas.
A implantación desta central de lavado serve como primeiro paso dun proxecto co que logo se abordará a centralización das dúas cociñas dos comedores, situadas actualmente no CEIP Agro do Muíño e na EEI do Milladoiro. Nesta segunda fase, prevista para o ano 2023, rematarase unha cociña dun total de 888 metros cadrados, incluída a área de lavado.
A cociña central disporá dunha área de cociña xeral e doutra cociña específica para intolerancias; unha zona de frío para a elaboración de primeiros pratos, sobremesas e pan; distintos almacéns e cámaras frigoríficas, así como varias cámaras para a conservación do produto final, e dous vestiarios (feminino e masculino).
O concelleiro de Educación, David Santomil, sinalou a reutilización da antiga nave de obras como “un cambio importante no modelo de produción e xestión dos comedores escolares municipais de Ames. Nesta primeira fase iniciamos a adaptación da nave e a construción da central de lavado de menaxe, que permitirá optimizar a loxística dos nosos comedores”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudican por 147.000 euros la central de lavado de los comedores escolares de Ames"