- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da obra de mellora dos accesos ao lugar do Portanxil, na parroquia de Trasmonte. Dita obra foi adxudicada á empresa Tarrío y Suárez SL por un importe de 51.340,70 euros. Neste proxecto está incluída a pavimentación da estrada principal que atravesa a aldea do Portanxil. A obra, que se vai sufragar con cargo ao POS Adicional 1/2019 da Deputación da Coruña, executarase en dous treitos de 250 e 535 metros.
O proxecto contempla a mellora da estrada principal que atravesa a aldea do Portanxil, na parroquia de Trasmonte. Actuarase nun treito de 785 metros e dividido en dous treitos de 250 por 5,10 metros e 535 por 4,00 metros (anchos medios). No primeiro treito de 250 metros vaise renovar o firme con 10 centímetros de pavimento de formigón nivelado con 5 centímetros de zahorra, previa demolición do pavimento existente e apertura de gabia para a colocación de canalización de recollida de augas pluviais.
No segundo treito de 535 metros de lonxitude preténdese a mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes e previo emprego de dez centímetros de zahorra, dez centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada ambos lados, 0,50 metros a cada lado (no treito de 535 metros), dentro da plataforma actual da estrada.
Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal. A obra será executada pola empresa Tarrío y Suárez SL, que resultou ser a adxudicataria do contrato por un importe de 51.340,70 euros. Este proxecto sufragarase con cargo ao POS Adicional 1/2019 da Deputación da Coruña.
O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, sinala que “esta obra enmárcase dentro do plan municipal de mantemento e mellora da rede de estradas municipais”. Ademais, destaca o alcalde que “esta actuación vén a ampliar o número de melloras que se están a realizar no rural e coas que se pretende darlle continuidade ao plan de investimentos para a realización de melloras nos núcleos rurais e que veñen a significar un esforzo económico moi importante”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Portanxil verá melloras na súa estrada principal"