Pestanas principais

Adxudícase por un importe de 181.494 euros a obra de saneamento en Castrigo

Mércores, 23 de maio de 2018

[23-05-2018] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación do proxecto que recolle obras de saneamento no lugar de Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño, así como a catro vivendas do lugar do Casaliño, que estaban pendentes de dispor deste servizo, e ás instalacións do campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Este proxecto, adxudicado á empresa Excavaciones José Varela Iglesias SL por un importe de 181.494,85 euros, está incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016. Estas obras estaban pendente de realizar debido á necesidade de dispor do correspondente permiso de Augas de Galicia.

O Concello de Ames executará obras en Castrigo, pertencente á parroquia de Ortoño, para dotar de saneamento a este lugar do concello. Trátase dunha importante obra que levan anos reclamando os veciños e veciñas desta aldea. Estes traballos, que están incluídos dentro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) 2016, foron adxudicados á empresa Excavaciones José Varela Iglesias SL por un importe de 181.494,85 euros.

Este proxecto tivo un atraso na súa execución debido a necesidade de dispor dos permisos que lle foron solicitados a Augas de Galicia hai preto de dous anos. Houbo que facer varias modificacións no proxecto inicial para poder dispor dos permisos necesarios. Unha vez o Concello de Ames dispuxo de ditos permisos xa se inicio a tramitación para sacar a concurso o devandito proxecto. Unha vez adxudicado, o proxecto executarase ao longo deste ano. Ademais, de dotar de saneamento as vivendas do lugar de Castrigo, tamén se vai ditar deste servizo a catro vivendas do Casaliño que están sen el. Ademais, a través desta actuación vaise a estender a rede de saneamento ata o campo de fútbol municipal de Bertamiráns.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destacou que “se vai a realizar un gran investimento no lugar de Castrigo e no campo de fútbol de Bertamiráns para dotar a estes lugares de saneamento. Ademais, vamos a completar a rede de saneamento no Casaliño, onde quedaban catro vivendas pendentes de dispor deste servizo. A rede que se executará discorre por terreo público e por dúas parcelas privadas, para as que xa temos os permisos dos seus propietarios. Coa realización destas obras evitaranse varias denuncias de veciños de Castriño que denunciaron vertidos no río que discorre por este lugar”.

Características técnicas do proxecto
A través de dito proxecto executaranse as obras necesarias para a execución do saneamento no núcleo de Castrigo (Ortoño) e a súa conexión coa rede xeral do Concello. Todos os colectores están proxectados en PVC 315mm SN-4 e instalaranse cos seus pozos de rexistro correspondentes, previa escavación da zanxa. Nas zonas próximas a regatos instalaranse pozos de rexistro estanco e o cruce dos regatos reforzarase con dados de formigón e tubería de fundición.

A rede proxectada de saneamento ten unha lonxitude de 2.295 metros cun total de 90 pozos de rexistro dos cales 41 son estancos. Para a conexión coa rede xeral será necesario a execución dun pozo de bombeo en formigón HA-25 con aceiro B-500-S de 2 metros de diámetro e 3,5 metros de altura, con cámara de chaves e aloxamento de cestón de grosos e impermeabilización interior. Por último, instalaranse dúas bombas sumerxibles de 0,6KW, con toda a calderería necesaria para o seu correcto funcionamento e procederase a súa conexión coa rede eléctrica. O treito da tubería de impulsión será de PE de 90 centímetros de diámetro. Inclúese tamén a reposición do firme danado coa execución das zanxas.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Saneamiento en O Casaliño, Castrigo y el nuevo estadio"
Lindeiros: "Ames adxudíca a obra de saneamento de Castrigo"
Compostela 24 Horas: "Adxudícase por un importe de 181.494 euros a obra de saneamento en Castrigo"