Pestanas principais

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou 951 servizos durante o ano 2021

Sábado, 30 de abril de 2022

A AVPC de Ames fai balance do ano 2021, no que realizou 951 servizos, unha cifra lixeiramente superior a de 2020, na que foron 917. O ano estivo marcado polo amplo número de operativos realizados, a adquisición de novos medios materiais e a aposta continua pola formación das arredor de 30 persoas que conforman a agrupación local.

A Agrupación de Protección Civil de Ames mantivo no segundo ano de pandemia o seu crecemento como grupo e a súa capacidade de actuación, aumentando os seus medios materiais e participando nun número maior de operativos e eventos. O ano 2021 estivo marcado polas numerosas colaboracións exteriores realizadas, preto de 70, moitas delas relacionadas coa campaña de vacinación levada a cabo na Cidade da Cultura de Santiago. O número total de servizos volveu a crecer o ano pasado, alcanzando os 951, 34 máis que en 2020.

O alcalde e concelleiro de Protección Civil, Blas García, valora de xeito positivo “o magnífico traballo dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames, os que cada ano, desde a súa fundación, están sempre dispostos a colaborar e axudar en calquera actividade municipal ou calquera emerxencia que xurda”.

Blas García engade que “é fundamental para este colectivo poder dispor da formación necesaria para atender todas aquelas incidencias ou operativos, por iso este Goberno decidiu apostar e apoiar a este grupo de persoas; e esta colaboración se vai a seguir mantendo de maneira continuada, non só nos orzamentos municipais, senón tamén en forma de agradecemento e valorando o seu traballo. Toda a cidadanía de Ames se debe de sentir orgullosa do equipo que forman os voluntarios e voluntarias de Protección Civil”.

Datos das actuacións realizadas en 2021

Durante o ano 2021, a AVPC realizou 430 operativos, 191 máis que o ano anterior. O período de maior actividade foi entre os meses de maio e setembro. Ademais, a Protección Civil de Ames atendeu 104 accidentes de tráfico e 24 incidencias de circulación. Neste senso, o mes con maior número de incidentes nas estradas foi setembro, con 17 accidentes, seguido de novembro, xuño e xullo. Por outra banda, recolléronse 52 animais soltos, colaborouse en 21 asistencias sanitarias e 9 operacións de salvamento e rescate, e interviuse en 11 incidencias causadas por vertedura. Realizáronse tamén 27 operativos de revisión de hidrantes. A estas cifras súmanse 287 servizos máis en outras incidencias.

O presidente da Agrupación, Juan Pérez Crespo, destaca o traballo e mailo esforzo de todos e todas as voluntarias nos operativos que participan e tamén nos cursos de formación que participan. “Na actualidade un 50% dos nosos fondos están dirixidos á formación, como grupo debemos desenvolver a capacidade de integrarnos con calquera colectivo ou institución que precise do noso apoio loxístico. Agradecemos a todas as entidades que se prestan para formarnos, o que logo ao traballar con eles nos permite actuar cunha certa calidade”.

Novos medios materiais

Neste último ano a Protección Civil continuou adquirindo novos equipamentos e materiais, co fin de contribuír ao desenvolvemento do seu labor. Deste xeito, obtiveron 3 novos walkie-talkies e unha nova emisora para un vehículo; 8 caixas de primeiros auxilios, férulas de inmobilización e repostos de material funxible; un proxector e unha impresora, ou novos elementos para os uniformes e elementos corporativos, como unha bandeira ou un roll-up. No que respecta ao material operativo, en 2021 sumaron un sistema de escuma para o remolque cunha bomba con 600 litros de capacidade, unha pantalla de privacidade, e unha carpa de montaxe rápida aportada pola Xunta de Galicia.

Formación recibida e colaboracións

Na actualidade a agrupación local conta cun grupo consolidado de persoas voluntarias que ronda os 30 efectivos, que participan nun continuo proceso de formación a través de cursos e colaboracións con outras entidades. Neste senso, acudiron a máis de dez cursos promovidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), relacionados cos labores básicos da Protección Civil, primeiros auxilios, condución de vehículos 4x4 e navegación, organización de eventos ou coordinación en lumes forestais, entre outros. Ademais, recibiron tamén formación da Escola Nacional de Protección Civil, que impartiu un taller sobre coñecementos básicos e prevención da Covid-19.

No eido das colaboracións con outras institucións, a AVPC formouse en intervencións en accidentes de tráfico coa Policía Local de Ames e o Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Santiago. No que respecta aos lumes, e a súa intervención e extinción, colaboraron co GES de Brión, co Distrito Forestal III, da Consellería de Medio Rural, ou co centro de formación Fuego y Mar. De xeito interno, formouse ás persoas aspirantes para incorporarse, ademais de contar con cursos de primeiros auxilios propios, impartidos pola médica do 061 Charo Rúa.

Obxectivos da AVPC para 2022

Este ano a Protección Civil de Ames ten como un dos seus principais obxectivos seguir aumentando a súa cifra de efectivos para tratar de rondar os 40, un número que permitiría atender con maiores garantías á veciñanza do concello. O outro gran pulo da AVPC é continuar coa súa actividade formativa, a responsable de que as persoas voluntarias se desenvolvan de xeito correcto nos diferentes operativos e servizos da Protección Civil.

“Temos claro que temos unha boa base, pero fai falta xente moza, de entre 18 e 30 anos, para facer canteira. O grupo que xa temos é importante e sérvenos para acoller e formar adecuadamente, pero necesitamos máis persoas para chegar a máis lugares, sen perpetuarnos no sistema”, sinalou o presidente da AVPC, Juan Pérez Crespo.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Protección Civil realizou 951 actuacións en 2021"

A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou 951 servizos durante o ano 2021

Multimedia

  • A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou 951 servizos durante o ano 2021
  • A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou 951 servizos durante o ano 2021
  • A Agrupación de Protección Civil de Ames realizou 951 servizos durante o ano 2021