[14-03-2014] O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comunicou esta mañá que a Xunta de Galicia rematará no primeiro trimestre de 2015 os traballos da estación de tratamento de auga potable que completa o novo sistema de abastecemento dos concellos de Ames e Brión. Este anuncio foi avanzado durante a súa visita ás obras da ETAP Ames-Brión, onde estivo acompañado do alcalde de Ames, Santiago Amor, e do alcalde de Brión, José Luis García. Nesta visita tamén participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Belén do Campo, e a concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ames, María Eugenia Martín. Nestas obras estanse a investir máis de 8 millóns de euros.
A nova ETAP que se sitúa preto da aldea de Ponte Maceira terá unha capacidade de 175 litros por segundo para dar servizo a todo o municipio de Ames e de Brión, sendo preto de 42.000 os habitantes beneficiados coa súa posta en marcha y uns 97.000 nunha estimación futura. O proxecto inclúe 12 quilómetros de tubaxe, xa instalados na súa totalidade, así como un deposito de regulación e de cabeceira de 10.000 metros cúbicos que se conectará por gravidade e subministrará auga cara os depósitos xa existentes en Ames e Brión.
Por último, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comunicou que cunha inversión de mais de 8 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia aporta o 80 por cento, se garante o servizo de abastecemento á poboación dos dous concellos.
Colaboración cos concellos
Os traballos do novo sistema de abastecemento para os concellos de Ames e Brión atópanse dentro do programa de colaboración técnico financeira que o Executivo autonómico ofrece aos municipios que dispoñen dun orzamento insuficiente para construír infraestruturas hidráulicas centradas na mellora dos servizos de abastecemento e saneamento aos seus cidadáns.
Nesta visita o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, explicou que a actuación garantirá un subministro futuro para os concellos de Ames e Brión, que están a presentar un aumento de poboación significativo, sendo Ames o municipio galego que máis crece con máis do 50 por cento na última década. Así, coa finalización destas obras os dous concellos, que se atopan situados na área de Santiago de Compostela, disporán por primeira vez dun sistema de abastecemento propio a través do río Tambre, que lles garantirá o subministro sen depender doutros concellos ou traídas.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, agrdeceulle ao concelleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como á Xunta de Galicia por dotar a Ames dunha infraestrutura básica e necesaria. O rexedor municipal incidiu en que “Ames medrou moito nos últimos vinte anos, pero ese crecemento non estivo acompañado dunha mellora nas infraestruturas de abastecemento. Agora coa execución deste gran proxecto vanse a solucionar os problemas que tíñamos de abastecemento de auga en Ames”. Por último, Santiago Amor agradeceu a comprensión dos veciños e veciñas que tiñan propiedades no lugar onde se están realizando as obras da ETAP Ames-Brión.