Pestanas principais

Aldea Nova acollerá a primeira edición do Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto

Martes, 10 de setembro de 2024

O Concello de Ames organiza, co control técnico da Federación Galega de Atletismo a primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto. As probas realizaranse o sábado 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto dese punto, o cal estará debidamente sinalizado. Para dispor de máis información e tramitar a inscrición preme nesta ligazón.

Durante o vindeiro mes de outubro o concello de Ames acollerá dúas probas deportivas. A primeira é unha nova proba deportiva que se vai celebrar por primeira vez no concello: I Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto, que se vai celebrar o sábado 12 de outubro; mentres que a segunda xa é un proba popular consolidada en Ames: XXIII Carreira pedestre popular Concello de Ames, que será o domingo 20 de outubro.

Deste xeito, a primeira edición do Cros Concello de Ames, que será a súa vez Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto, celebrarase o sábado 12 de outubro, na localidade de Aldea Nova, a carón das pistas municipais de tenis de dita localidade. A saída e chegada de cada proba farase preto dese punto, o cal estará debidamente sinalizado. Nas probas (agás no Campionato da Xunta de Galicia) poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, con ou sen licenza federativa. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Trámite de inscrición
As inscricións das probas populares (de sub 10 a sub 16), abertas a todos/as os/as que desexen participar, realizaranse a través da web de carreiras galegas enchendo o formulario de inscrición. Para o Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto deberán realizarse a través da ligazón https://sdp.rfea.es (exclusivo para clubs federados).

O prazo de inscrición para as probas populares rematará o mércores 9 de outubro ás 23:59 horas. O prazo de inscrición para o Campionato da Xunta de Galicia de remudas mixtas rematará o luns 7 de outubro ás 20:00 horas. As inscrición son gratuítas, tanto para as categorías escolares (de sub 10 a sub 16) coma para o campionato que está dirixido a clubs federados en atletismo. Non se admitirán inscricións fora do prazo establecido, nin o día da proba.

Os dorsais retiraranse ata media hora antes do inicio de cada proba na secretaría da organización situada a carón do circuíto de cros de Aldea Nova. Os/as atletas participantes no Campionato Xunta de Galicia de Remudas Mixtos deberán ter en conta os horarios de cámara de chamadas publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na propia circular do Campionato.

Categorías, distancias e horarios
Establécense 9 categorías: relevo mixto (6.000 metros aproximadamente – 4x1.500 metros); sub 16 feminino e masculino (3.000 metros aproximadamente); sub 14 feminino e masculino (1.500 metros aproximadamente);  sub 12 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente); e sub 10 feminino e masculino (1.000 metros aproximadamente). As probas comezarán ás 11.00 horas co relevo mixto e pecharanse ás 13.35 horas coa proba sub 10 masculina. A entrega de trofeos está prevista para as 13.50 aproximadamente. Para máis información pódese consultar o regulamento do I Cros Concello de Ames.

As probas estarán controladas por un chip – dorsal que deberá levarse colocado na parte anterior do corpo, en toda a súa extensión. Todo/a corredor/a que chegue á meta sen o seu dorsal – chip, será automaticamente descualificado/a. Os horarios das saídas poderán ser modificados, a criterio do xuíz árbitro da proba, en función do número de participantes de cada categoría.

Entrega de trofeos
Recibirán un trofeo os/as tres primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no presente regulamento. En cada proba popular (de sub 10 a sub 16), darase a maiores un trofeo ao primeiro/a amesán e amesá (deberá estar empadroado no Concello de Ames no momento de celebración da proba). Este premio/trofeo será acumulativo cos da clasificación xeral de cada proba. Para o Campionato da Xunta de Galicia de remudas mixtos, outorgaranse os premios publicados na web https://www.atletismo.gal/ e incluídos na circular do Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto.

Aldea Nova acollerá a primeira edición do Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto

Multimedia

  • Aldea Nova acollerá a primeira edición do Cros Concello de Ames – Campionato da Xunta de Galicia de campo a través absoluto por remudas mixto