Pestanas principais

Almorzo virtual con Arcea Adames polo Día Mundial das persoas con (dis)capacidade

Xoves, 03 de decembro de 2020

Non é un erro que risquemos unha raia sobre o prefixo “dis”. Así o fan no departamento de Servizos Sociais que prefiren falar de distintas capacidades, pero ao cabo capacidades, que de discapacidades. En todo caso, hoxe celébrase o día Mundial das persoas con Discapacidade e a concelleira Luísa Feijóo, acompañada do persoal do departamento de Benestar Social almorzou virtualmente cos rapaces e rapazas de Arcea Adames.

Era costume que cada 3 de decembro, o Concello visitase a sede de Arcea Adames e compartise un almorzo cos rapaces e rapazas que asisten aos talleres que a asociación imparte no Milladoiro. O cumprimento das medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia impediuno nesta ocasión. Porén, o Concello fixo chegar ao local chocolate e petiscos, algúns sen gluten, dada a intolerancia dun dos rapaces da asociación, e a concelleira Luísa Feijóo, acompañada de persoal do seu departamento, compartiron virtualmente almorzo e conversa cos rapaces e as rapazas da asociación. Ademais, nesta ocasión, o Concello entregoulles, como ben sendo habitual, un pequeno agasallo.

No transcurso desta xuntanza falouse de todo un pouco, que están a facer ultimamente no taller, como levan as medidas e restricións impostas pola pandemia, como pasaron o tempo de confinamento e o que significou para eles.

Para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, o significado das palabras é importante, por iso, na meirande parte dos documentos do seu departamento, ponse un X sobre o prefixo “dis” coma hoxe se fai nesta crónica: “preferimos falar de distintas capacidades. O primordial é, sobre todo, non ferir cas nosas palabras a outras persoas. Non menosprezar nin minusvalorar as súas capacidades”. A concelleira comentou ademais que “todos e todas temos capacidades diferentes, a uns dáselles mellor a música, outros teñen unha memoria prodixiosa, a outros dáselles ben a escritura, outros teñen fantásticas habilidades sociais...polo que todos e todas temos os nosos talentos e capacidades".

A ONU instaurou o Día Mundial das persoas con Discapacidade no ano 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade. Este ano o lema da campaña é "Un día para todos". O que se pretende é concienciar á sociedade de que a discapacidade  forma parte da condición humana,  e que todos, nalgún momento das nosas vidas, podemos experimentar unha discapacidade temporal o permanente.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Menú a distancia en el día de la discapacidad"

Revista AmesGo: "Almorzo virtual con Arcea Adames polo Día Mundial das Persoas con (Dis)capacidade"

Arcea Adames

Multimedia

  • Arcea Adames
  • Arcea Adames
  • Arcea Adames