Pestanas principais

Alumnado da USC realiza un proceso participativo de rexeneración urbana no Milladoiro

Luns, 28 de febreiro de 2022

O alumnado do Máster en Planificación e Xestión Territorial da Universidade de Santiago de Compostela realizou un traballo de participación cidadá na avenida de Rosalía de Castro e o tramo da N-550 que atravesa O Milladoiro, co obxectivo de elaborar unha proposta para mellorar a calidade de vida, a mobilidade e a economía da zona. As actuacións propostas inclúen melloras no sistema urbano, as infraestruturas e a xestión dos espazos abertos. Para a elaboración do estudo, entrevistouse á veciñanza, ao tecido empresarial e ás entidades políticas locais.

A investigación levada a cabo polo alumnado da USC definiu tres eixos de actuación para a rexeneración urbana da vía principal do Milladoiro. O primeiro sería o sistema urbano, que inclúe as fachadas ou o mobiliario urbano. En segundo lugar estarían as infraestruturas, que abarcan dende bolsas de aparcamento ata carrís bici. Por último, sumaríase a xestión de espazos abertos, que trata a creación de posibles zonas verdes.

No documento elaborado polos alumnos e alumnas destaca a participación cidadá como peza chave para entender as debilidades e potencialidades do territorio. A través de diversas entrevistas coa veciñanza, comerciantes e empresarios e entidades políticas, obtivéronse diferentes puntos de vista sobre O Milladoiro e as súas necesidades.

Unha boa parte das propostas recollidas no estudo teñen que ver coa modificación do tráfico da N-550, como a redución de velocidade na zona, a creación dun desvío que reduza o volume de vehículos, ou a promoción e mellora da rede de transporte público.

No que respecta á paisaxe urbana e a calidade de vida da veciñanza, suxeriuse unha reforma das fachadas máis antigas, a creación de novos espazos verdes, o aumento da seguridade peonil ou mesmo o aproveitamento de baixos e locais en desuso.

Asemade, a investigación destaca o posible aproveitamento do paso do Camiño de Santiago pola vila como recurso para potenciar a riqueza cultural, económica e social do Milladoiro.

Este proceso participativo incorporarse, xunto con outros documentos de diagnose territorial e participación, á estratexia de Axenda Urbana do Concello de Ames neste 2022.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Queren mellorar a estética, tráfico e áreas verdes na maior urbe"

Enfoques: "Alumnado de la USC realiza un proceso participativo de regeneración urbana en O Milladoiro"

Alumnado da USC realiza un proceso participativo de rexeneración urbana no Milladoiro