Pestanas principais

Alumnos/as da Universidade de Santiago de Compostela e doutros centros formativos están realizando prácticas no Concello de Ames durante o curso 2014-2015

Sábado, 18 de outubro de 2014

[18-10-2014] Durante este curso 2014-2015 o Concello de Ames ofreceulle a posibilidade de realizar prácticas en diferentes departamentos a varios alumnos/as que están cursando distintas especialidades na Universidade de Santiago de Compostela. Deste xeito, o Concello de Ames está favorecendo a formación laboral destes alumnos/as, facendo unha aposta para mellorar e ampliar a súa formación, así como a súa empregabilidade e inserción laboral.

O Concello de Ames está adherido a través dun convenio coa FEGAMP ao acordo de prácticas coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). No marco deste convenio, durante o curso 2014-2015 están realizando prácticas no departamento de Secretaría un alumno e unha alumna do Grao en Ciencia Política e da Administración. A duración das prácticas é de 750 horas (incluídas as horas de titoría e as dedicadas á elaboración da memoria, que non sumarán conxuntamente máis de 50 horas). Este alumnado realizará estas prácticas entres os meses de outubro e febreiro de 2015.

Por outra banda, dúas alumnas do Máster Universitario en Avogacía (promoción 2013-2015) e do Programa Superior de Excelencia en Práctica Xurídica (promocións 2013-2015 e 2014-2015), que organizan de xeito conxunto o Colexio de Avogados e a Universidade de Santiago de Compostela, están realizando prácticas laborais no departamento municipal de Urbanismo.

Estas alumnas están realizando prácticas en dito departamento dende o 9 de outubro ata o 19 de decembro de 2014 co obxectivo de coñecer máis directamente o funcionamento da Administración local e de complementar a outra parte da formación (prácticas internas nas instalacións da escola) en que se estruturan os devanditos estudos. Estas prácticas enmárcanse dentro dos convenios de colaboración asinados entre as institucións das que depende a Escola de Práctica Xurídica de Santiago e a Deputación da Coruña, e entre as devanditas institucións e o Concello de Ames.

Prácticas na Aula da Natureza
Ademais, tres alumnos/as están realizando prácticas non laborais nas instalacións da Aula da Natureza do Concello de Ames. Trátase dunha rapaza e dous rapaces que participan na acción formativa SEAG0309 Control e protección do medio natural. O período en prácticas terá unha duración de 120 horas de acordo ó establecido no certificado de profesionalidade. Estes alumnos/as comenzaron o período de prácticas o pasado 1 de outubro e rematarán o 27 de outubro.

O alumando está realizando tarefas de control do uso recreativo no medio natural nos espazos naturais e rurais; control e protección do medio natural e rural; acompañamento dun grupo de visitantes nun itinerario natural; detección, control e vixilancia de pragas, residuos e/ou verteduras; identificación e mellora do hábitat de especies cinexéticas e piscícolas; e control e vixilancia dos aproveitamentos dos recursos forestais, reforestacións e restauracións hidrolóxicas; inspeccións de pragas forestais; prevención, vixilancia e apoio na extinción de incendios forestais; e integración e comunicación no centro de traballo.