- Tematica
Dende este venres 23 de agosto e ata o domingo 25 de agosto a parroquia da Ameixenda celebra as festividades na honra de Santa Mariña. Durante os vindeiros días haberá misas e pasarrúas, verbenas e sesións vermú. Estas festas contan coa colaboración do Concello de Ames.
A parroquia de Santa Mariña da Ameixenda comeza este venres 23 de agosto as festas na honra da súa patroa, Santa Mariña. As celebracións estenderanse ata o domingo 25 de agosto e vanse desenvolver no campo da festa da parroquia amesá.
Durante a primeira xornada das festividades desenvolverase unha misa solemne na honra da Virxe das Dores e da Santa Mariña a partir das 13:00 horas. A continuación, haberá sesión vermú con “Dúo Musical”. Xa pola noite a veciñanza poderá gozar dunha verbena a cargo das orquestras “Finisterre” e “Fussión”, un grupo que comezou en 2015 e que destaca pola forza e a enerxía que desprende sobre os escenarios
As festas continuarán o sábado 24 ás 13:00 horas cunha misa cantada polo coral de Tapia na honra do Santísimo Sacramento. A continuación, haberá pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros”. A sesión vermú rematará coa actuación do grupo “Soprano”. Xa pola noite, actuará a orquestra “Ritmo Bakano”, que chega dende As Palmas de Gran Canaria para facer vibrar á veciñanza cos seus ritmos latinos e, de novo, o grupo “Soprano”. Ás 00:00 haberá fogos de artificio.
Por último, o domingo 25 pecharanse as festas cunha nova misa na honra da Virxe do Rosario, desta volta cantada pola coral “Amigos de Javier Otero”. De seguido, pasarrúas co grupo tradicional “Os Retranqueiros” e sesión vermú da man do grupo “Mar de Arousa”. O fin de festa virá da man do grupo “A banda da Balbina” que vai actuar ás 20:00 horas, seguido do grupo “Mar de Arousa”. Haberá inchables durante toda a xornada.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La sesión vermú y las verbenas despiden hoy las fiestas patronales en varias parroquias de Santiago y su área"