Pestanas principais

Ames abre o prazo de preinscrición nos cursos de galego preparatorios para obter o Celga

Venres, 11 de xaneiro de 2013

[11-01-2013] O Concello de Ames informa que xa está aberto o prazo de preinscrición para anotarse nos cursos de galego preparatorios para a obtención do Certificado de Lingua Galega nos niveis 1, 2, 3 e 4. A preinscrición poderá facerse ata as 14,00 horas do vindeiro 24 de xaneiro. Os cursos son gratuítos e impartiranse tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. As persoas interesadas poderán anotarse no Servizo de Normalización Lingüística de Ames (Pazo da Peregrina, Bertamiráns), chamando ao número 981 884 991 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.org.

O Concello de Ames, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, abre o prazo para preinscribirse nos cursos de galego preparatorios para a obtención dos diferentes certificados de lingua galega: Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. As persoas interesadas en realizar algún destes cursos terán de prazo ata o 24 de xaneiro. Para maior comodidade das persoas interesadas, a preinscrición poderá realizarse de tres xeitos: presencialmente, pasando polo Servizo de Normalización Lingüística situado no pazo da Peregrina de Bertamiráns; chamando por teléfono ao número 981 884 991 ou enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.org. Os datos necesarios para formalizar a inscrición son: nome e apelidos, número de DNI ou pasaporte, teléfono de contacto, nivel no que desexan anotarse (Celga 1, 2, 3 ou 4) e lugar preferente para a realización do curso (Bertamiráns ou Milladoiro).

Para impartir estes cursos no Concello de Ames é preciso ter un mínimo de 20 persoas preinscritas por cada un dos niveis. O lugar de impartición determinarase en función da preferencia maioritaria das persoas anotadas, sempre que non haxa posibilidade de formar un grupo en cada un dos dous núcleos urbanos do concello.

Os cursos impartiranse de luns a xoves, entre o 11 de marzo e o 22 de maio de 2013. O horario será das 20,30 ás 22,30 horas.

Probas
Estes cursos de galego son gratuítos e a carga lectiva é de 70 horas. As probas para obter os certificados correspondentes son independentes da formación e realizaranse durante as dúas primeiras fins de semana do mes de xuño. A localidade máis próxima para realizar eses exames será Santiago de Compostela. As datas destas probas son as seguintes: para os que opten ao nivel 4 do Celga o 1 de xuño; para o nivel 2, o 2 de xuño; para o nivel 3, o 8 de xuño, e para o nivel 1 do Celga, a proba será o 9 de xuño.

O prazo para a inscrición nas probas rematará o día 3 de abril de 2013, e as persoas interesadas deberán presentar a solicitude, aboar as taxas e presentar a documentación na Xunta de Galicia conforme sinale a correspondente convocatoria das probas Celga.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames abre o prazo para inscribirse nos cursos de galego para obter o Celga"