Pestanas principais

Ames achega ás persoas maiores ao mundo dixital a través do programa “Ponlle fin á fenda dixital”

Martes, 29 de setembro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, amplía o programa “Ponlle fin á fenda dixital”, que comezou en xaneiro, organizando obradoiros de competencias dixitais básicas para persoas maiores. A nova iniciativa forma parte do programa Amessan, un proxecto con diferentes actividades dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Os cursos comezarán a impartirse na Casa dos Maiores, no Milladoiro, os martes e xoves, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Continuarán en Bertamiráns e, por último, realizaranse polos locais sociais da parroquias do rural.

A Concellaría de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, amplía o programa “Ponlle fin á fenda dixital” que comezou no pasado mes de maio. Esta vez, organízanse obradoiros de competencias dixitais básicas para as persoas maiores. A iniciativa forma parte do proxecto Amessan, un conxunto de actividades dirixidas a/os veciña/os maiores de 60 anos. Durante este curso, ademais dos talleres de ximnasia terapéutica; decoración e restauración; estimulación cognitiva; e música tradicional galega; organízanse obradoiros de competencias dixitais básicas para as persoas maiores.

A través dunha metodoloxía de aprendizaxe fundamentalmente participativa, as persoas maiores poderán participar en cursos básicos de manexo de móbil para que se afagan a el e poidan usar aplicacións básicas, así como manterse informados e conectados.

Un dos obxectivos deste proxecto é facer partícipes ás persoas maiores do contexto actual, incluílas dixitalmente. A sociedade na que vivimos caracterízase por un crecemento de coñecementos e información e, a través das TIC´s, podemos mellorar o desenvolvemento individual e social. Ademais, é posible optimizar a calidade de vida desde un punto de vista cultural, técnico e/ou económico dos nosos maiores.

Programa de inclusión tecnolóxica
A actual fenda dixital afecta tamén a este rango de idade debido, principalmente, ás dificultades que se atopan para acceder a diversas oportunidades que se ofrecen exclusivamente por vía dixital. Ademais, hai que destacar o gran número de trámites burocráticos que só se poden realizar cun ordenador. Esta exclusión ocasiona importantes problemas implícitos, aínda que é certo que existe un interese ascendente cara ao saber usar, e manexar, as novas tecnoloxías.

Ante esta situación, o Concello de Ames comprométese a facilitarlle ás persoas maiores obradoiros que os acheguen ao mundo dixital. Xorde así “Ponlle fin á fenda dixital”, un programa de formación co obxectivo de promover un envellecemento activo.

Os cursos comezarán a impartirse na Casa dos Maiores, no Milladoiro, os martes e xoves, en horario de 19:00 a 20:00 horas. Continuarán en Bertamiráns e, por último, realizaranse polos locais sociais da parroquias do rural.

Empoderamento dos nosos maiores

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “xa era algo que viñamos barallando e incluso se fixeran xa algúns obradoiros puntuais neste senso, pero foi agora durante o confinamento e a nova normalidade, cando nos decatamos da gran necesidade que hai en formación e empoderamento dos nosos maiores mediante a adquisición de competencias dixitais básicas”.

Luísa Feijóo engade que “o envellecemento activo e saudable conleva a adopción das TIC nun escenario amplo, xa que non podemos entender o proceso de envellecemento unicamente baixo os parámetros do benestar puramente estrutural, é dicir, centrándonos só na saúde física boa ou mala saúde ou económica, senón tamén en termos de calidade de vida, como envellecemento crecente e gratificante”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Arranca Amessán cun curso novo para os maiores"

Ponlle fin á fenda dixital

Multimedia

  • Cartel ponlle fin á fenda dixital.