Pestanas principais

Ames acolle este domingo, 10 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2019

Luns, 04 de marzo de 2019

[04-03-2019] A segunda proba do circuíto Transgalaica 2019 celebrarase este domingo, 10 de marzo, no concello de Ames. O circuíto está composto por cinco probas. A primeira realizouse o 24 de febreiro en Cerdedo-Cotobade. As tres probas estantes desenvolveranse na Estrada, Vigo, e por primeira vez este ano, en Silleda. Esta mañá tivo lugar a presentación da cuarta edición desta proba que se realiza en Ames, grazas á iniciativa do Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós e que conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase ás 9:30 horas dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición remata este mércores, 6 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es.

Esta mañá fíxose a presentación da proba do circuíto Transgalaica que se vai a desenvolver no termo municipal de Ames este domingo 10 de marzo. En representación do Concello acudiu o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, que desculpou a ausencia do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, que non puido acudir por estar indisposto. A presentación correu a cargo do director do circuíto Transgalaica, Javier Sánchez, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o presidente e o secretario do Club Ciclista Os Esfola Arrós, Carlos Duro e Jorge Pérez.

Deste xeito, o Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós, xunto co Concello de Ames, organizan por cuarto ano consecutivo unha proba da Transgalaica. Esta proba, que pertencente á modalidade de ciclismo de montaña XC-Maratón, discorre por un circuíto de 32,83 quilómetros. Existen dúas opcións para participar. As persoas que compiten terán que dar dúas voltas ao circuíto de 33 quilómetros, completando un total de 66, mentres que se inscriban na opción de cicloturistas, tan so terán que dar unha volta ao circuíto.

Esta proba discorre por Covas, Ventosa, monte de San Marcos, pasa ao carón do rego de Riamonte, sube ata o alto de Liñaredo, continúa pola praia fluvial de Tapia e pola estrada que vai Seares de Arriba a Lens, pasando pola baixada de Pegariños, Caroubáns, ata que chega de novo ao Pazo da Peregrina. Poderán participar todos os corredores con licenza en vigor da tempada 2019 e aqueles que tramiten licenza de 1 día (o custo da licenza de 1 día é de 10 euros e só se poderá tramitar ata 48 horas antes da proba).

Inclúese no circuíto unha zona espectáculo
O secretario do Club Ciclista Os Esfola Arrós, Jorge Pérez, explica que “este ano incluímos no circuíto unha zona espectáculo que será a baixada á aldea de Pegariños e maila subida ao monte de San Marcos, que xa é un punto coñecido destes anos anteriores, no que hai un muro, salvando as diferencias, como o do Ézaro. Son os dous puntos máis espectaculares desta proba. Na actualidade xa hai arredor de 300 inscritos/as e agardamos chegar aos 400 ciclistas”.

As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (júnior, S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (júnior, S23, elite e máster) e Open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). O prazo de inscrición remata este mércores, 6 de marzo, ás 23:59 horas. As inscricións pódense realizar en www.magmasports.es. Para os non federados o custo é de 26 euros (16 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día), mentres que os federados teñen unha cota de inscrición de 16 euros.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos, Blas García, agradeceulle “ao club Os Esfola Arros tanto a organización desta proba como das demais que realizan ao longo do ano. É un pracer organizar probas deportivas con este club porque póñenllo moi fácil ao Concello. Debo animar aos/ás ciclistas, e a veciñanza en xeral, a participar nesta proba e a que acudan como espectadores/as, xa que é un espectáculo ver o esforzo que fan os/as deportistas subindo e baixando camiños de monte e cruzando algún regato”.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, destacou “a aposta que realiza o Concello de Ames polo deporte e agradeceu a implicación do club ciclista Os esfola Arrós no ciclismo, porque son un exemplo de como facer ben as cousas. Este é un evento deportivo no que durante esta fin de semana, Ames, e concretamente Bertamiráns, vai ser a capital do ciclismo BTT-Maratón. Este evento xuntará en Ames a máis de 400 ciclistas, pero ademais serve para promocionar o entorno e a riqueza paisaxística e cultural entre participantes de toda Galicia”.

A proba comeza ás 9:30 horas
O inicio da proba está programado para as 9:30 horas. Un cuarto de hora antes configurarase a grella de saída. A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A entrega de trofeos realizarase aproximadamente ás 13:30 horas.

Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 32 da proba. Os participantes que non pasen por el antes de 2h15' deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto. A primeira proba da Transgalaica 2019 tivo lugar o pasado 24 de febreiro nos concellos de Cerdedo e Cotobade. A segunda proba do circuíto é a que se desenvolve en Ames. As tres probas restantes desenvolveranse na Estrada, Vigo, e por primeira vez este ano, en Silleda.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Último día para la Transgalaica 2019"