- Tematica
O concello de Ames volve acoller este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2023. Será a sétima ocasión na que o concello celebre este evento deportivo, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 33 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces. As inscricións están abertas ata este mércores 8 de marzo, ás 23:59 horas. Ata este momento hai inscritos 205 ciclistas. As inscrición pódese facer premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es.
O circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa un ano máis por Ames, na que é xa a sétima cita consecutiva no concello sen contar o parón de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A proba, que terá lugar este domingo 12 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2023. A primeira etapa tivo lugar o pasado 26 de febreiro en Cerdedo-Cotobade, mentres que as tres seguintes disputaranse ao longo de marzo e abril na Estrada, en Silleda e en Manzaneda.
Esta proba está organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, e conta coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello de Ames. Os/as participantes terán que dar dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 64,31 quilómetros e que conta cun desnivel de 1.477 metros. Por motivos loxísticos e de seguridade establécese un control de paso no quilómetro 33 da proba. Os/as participantes que non pasen por el antes de 2 horas e 15 minutos deberán retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.
A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Ventosa, Pedra Dourada, o monte de San Marcos, o alto de Liñaredo e as instalacións en Piñeiro do Real Aeroclub de Santiago. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Muíños de Riamonte, Lamas e Augapesada. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 11:00 e a segunda sobre as 12:30 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.
Novidades no percorrido
Este ano a primeira volta e a segunda serán diferentes. A primeira volta será practicamente idéntica á da edición anterior do ano 2022, pero a segunda terá modificacións, acortando parte do percorrido na zona do Aeroclub e engadindo unha subida a Aldea Nova nos últimos 7 quilómetros da proba para rematar por unha nova baixada aberta en exclusiva para esta Transgalaica. Dende o club ciclista Os Esfola Arrós recomendan facer un recoñecemento da segunda volta (o track oficial da Transgalaica de Ames 2023 está en wikiloc) e logo o dia da proba levar o track completo (volta 1 e 2) aínda que estará completamente sinalizado o percorrido. Ademais, estréase sinalización. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo de recoñecemento do percorrido feito por Breogán Calviño.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca “o éxito que ten sempre esta proba da Transgalaica organizada no concello de Ames. Sempre soe haber unha gran participación nesta proba. Este ano a predición meteorolóxica apunta que vai chover polo que vai volver ser unha proba moi dura ao igual que sucedeu na edición anterior. Xa imos polas 200 persoas inscritas, a proba ten unha gran aceptación e nós estamos sempre encantados de apoiar a todos os clubs de Ames nas actividades que organizan”.
Dende o club ciclista amesán Os Esfola Arrós indican que “a Transgalaica é un dos referentes do ciclismo de montaña no noroeste español. É o sétimo ano que organizamos a segunda proba da Transgalaica e aínda que mantivemos una liña similar no percorrido, sempre fomos facendo algún lixeiro cambio edición tras edición. Este ano a primeira e a segunda volta serán diferentes. A primeira volta do circuíto é moi similar a da edición anterior, mentres que na segunda volta recortamos un tramo e engadimos unha subida e baixada final que son novas no percorrido”.
Restricións de tráfico previstas esta fin de semana
Por mor do desenvolvemento da proba, durante esta fin de semana a avenida José Luis Azcárraga, onde está situado o Pazo da Peregrina, sufrirá varias restricións ao tráfico, debido a que servirá como punto de saída e meta. Por unha banda, dende o sábado 11 ás 20:00 ata o domingo ás 15:00 horas non se poderá estacionar na avenida José Luis Azcárraga. Ademais, dita avenida estará pechada ao tráfico ata a aldea de Capeáns o domingo 12 de marzo dende as 7.30 ata as 15.00 horas. Preme nesta ligazón para consultar o aviso informativo.
Recoméndase evitar as vías mencionadas e utilizar un desvío alternativo dende Covas cara Bertamiráns pola DP-0203 (Augapesada - Bertamiráns), AC-453 (Roxos – Portomouro) e AC-543 (Santiago – Bertamiráns).
Participación e inscricións
Poderán participar na proba todos os corredores e corredoras con licenza de ciclismo en vigor para a tempada 2023, ou ben aquelas persoas que tramiten unha licenza de 1 día.
As categorías nas que se pode participar son a masculina absoluta (S23, elite, M30, M40, M50, M60), feminina absoluta (S23, elite e máster) e open (cicloturistas e ciclistas con licencia de 1 día). As inscricións están abertas ata este mércores 8, ás 23:59 horas, premendo nesta ligazón ou accedendo á web magmasports.es. As persoas federadas teñen unha cota de inscrición de 18 euros, mentres que as non federadas deberan abonar 28 euros (18 euros de inscrición + 10 euros pola licenza de 1 día).
Orde de saída e clasificacións
A orde de saída estará determinada nos seus 100 primeiros postos polas 100 primeiras posicións da clasificación xeral absoluta da Transgalaica. A organización resérvase ademais 10 dorsais de libre designación. O resto de ciclistas colocarase por orde de inscrición. Estableceranse as clasificacións individuais masculina, feminina e clasificación por equipos. Para a clasificación xeral individual puntuarán as 75 primeiras persoas da clasificacións absoluta de cada proba. A maiores establecerase unha clasificación por categorías para a cal puntuarán os 25 primeiros de cada categoría.
Ademais destas puntuacións, haberá trofeos para os tres primeiros de cada sub-categoría, tanto masculina (júnior, S23, elite, M30, M40, M50/60), como feminina (elite-sub23 e máster). Para consultar a guía do ciclista da segunda proba da Transgalaica 2023 pódese premer nesta ligazón.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Domingo de ciclismo en Ames coa Transgalaica 2023"
Enfoques: "Abierto el plazo de inscripción en la IV edición del Trail e Andaina Ribeiras do Tambre"