Pestanas principais

Ames acolle este domingo, 2 de abril, o primeiro desfile “Primavera na Peregrina”

Martes, 28 de marzo de 2017

[28-03-2017] O Concello de Ames colabora con distintos establecementos comerciais de Bertamiráns na organización do evento “Primavera na Peregrina”. Realizarase un desfile de modelos para presentar os diversos produtos de moda e beleza que ofrecen estes comercios para a organización de diferentes eventos (bautizos, comuñóns, vodas, etc). Este desfile desenvolverase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a partir das 17:00 horas. O aforo é limitado, polo que haberá que confirmar asistencia chamando ao número de teléfono 605 58 30 19.

Algúns dos establecementos comerciais de Bertamiráns están organizando o primeiro desfile de Primavera na Peregrina. A través desta actividade trátase de dar a coñecer os produtos e servizos que ofrecen ditos establecementos para a organización de bautizos, comuñóns, vodas, etc. O Concello de Ames colabora na organización deste evento cedendo o espazo onde se vai a realizar e dándolle publicidade. O aforo é limitado, polo que haberá que confirmar asistencia chamando ao número de teléfono 605 58 30 19.

Deste xeito, realizarase un desfile de modelos con estilismos de "Vainilla&Chocolate" e "Las cosas de Rosa". A perruquería correrá a cargo de "Etcétera Peluquería", a maquillaxe será realizada por "Paula salón de beleza". A decoración do evento corre a cargo de "PK´s Bodas&Eventos". O evento estará amenizado coa música de MOVE-T discoteca móbil para eventos. Tamén haberá aperitivos e bebidas por cortesía do restaurante "Tropic Burguer".

Paula Camiño Barca, propietaria do establecemento "Paula salón de beleza" explica que “a idea de organizar este evento xurdiu de forma conxunta por parte de varias empresas, para realizar algo distinto co obxectivo de darnos a coñecer entre a veciñanza de Ames e da contorna. Somos todas empresas de beleza e moda que traballamos en eventos de bautizos, comuñóns, vodas e outro tipo de celebracións”. Existe un evento no Facebook ao cal se pode acceder premendo na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/events/804619049693876/

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “o goberno municipal apoia esta nova iniciativa posta en marcha polos establecementos comerciais de Bertamiráns. Dende o Concello darémoslle publicidade a esta actividade co obxectivo de que o maior número de persoas acudan a coñecer os servizos que ofrecen estas empresas. Este tipo de actividades axudan a dinamizar o tecido comercial do municipio, algo que é beneficioso para todos os sectores”.