- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción da Saúde, está conmemorando ao longo deste mes de abril o Mes da Saúde. A programación comezou o 4 de abril e péchase este sábado, 23 de abril, coa celebración da II Feira da Saúde e Ben-Estar de Ames e coa primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, Coidados á mente. Un total de 14 asociacións participarán na Feira da Saúde. Montarán os seus stands na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns co obxectivo de proporcionar información a todas aquelas persoas que se acheguen por alí. Ao mesmo tempo desenvolverase a primeira xornada dedicada á saúde mental e ao benestar das crianzas e da mocidade. As conferencias, mesa redonda e obradoiros da xornada de saúde mental serán emitidas por streaming.
Ames converterase este sábado, 23 de abril, na capital da saúde e do benestar da comarca. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá ás 9.30 horas o acto de inauguración da primeira xornada sobre saúde mental infanto-xuvenil de Ames, “Coidados á mente”. O acto de inauguración correrá a cargo do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; do alcalde de Ames, Blas García; e da concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo.
Unha vez realizada a inauguración institucional do evento darán comezo as conferencias, que durarán unha hora e que contarán con diversas profesionais da psicoloxía e da psiquiatría. Haberá tres conferencias, unha mesa redonda e dous talleres, que tratarán temáticas diversas como as relacións interpersoais, o xogo e o xogar ou as adiccións. Nestas xornadas hai inscritas unhas 350 persoas que participarán de xeito presencial ou de forma telemática. As tres charlas e maila mesa redonda desenvolveranse pola mañá e estarán enfocadas á saúde infantil, mentres que pola tarde, de 16.30 a 18.30 horas, realizaranse dous talleres de xeito simultáneo. Preme aquí para consultar a programación ao completo da xornada.
Conferencias e mesa redonda
A primeira conferencia, titulada “A importancia do vínculo na saúde mental”, terá lugar de 10:00 a 11:00 horas, e contará co relato de Ana González Uriarte, psiquiatra, terapeuta familiar e experta na saúde mental perinatal e da primeira idade. A charla estará presentada pola psicóloga Belén Montesa.
A continuación celebrarase “O xogo e o xogar no contexto das relacións temperás”, unha conferencia repartida en dúas partes que impartirá Norka Malberg, psicóloga, psicoanalista e profesora na Facultade de Medicina da Universidade de Yale (EUA), ademais de especialista no xogo e na regulación emocional das crianzas. A primeira metade terá lugar de 11:00 a 12:00 horas e será introducida polo psicólogo Juan Carlos Permuy. Despois dun descanso de media hora, arrincará a segunda parte, de 12:30 a 13:30 horas.
A partir das 13:30 horas empezará a parte dedicada á saúde mental das persoas mozas, coa mesa redonda “Benestar na adolescencia. Máis alá da saúde dos adolescentes, máis alá da ausencia de enfermidade”. Moderada pola psiquiatra e xefa do Servizo de Saúde Mental da Consellería de Sanidade, María Tajes Alonso, participan Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo e presidente da Asociación para a Saúde Mental na Infancia e na Adolescencia (ASEIA), e Xandre García Caballero, psiquiatra do Complexo Hospitalario de Ourense. As conferencias e maila mesa redonda poderanse seguir por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
Obradoiros simultáneos
Despois dun período de descanso para o xantar, ás 16:30 iniciaranse dous talleres, que se realizarán de xeito simultáneo, de dúas horas de duración, que volverán a poñer o seu foco na mocidade e nos procesos de cambio e de novos comportamentos aos que se enfrontan. A primeira proposta, “Adolescentes, tecnoloxía, convivencia e adiccións: Que tal se apostamos pola prevención?” estará encabezada polo psicólogo e profesor na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial Boubeta. Este obradoiro pódese seguir por streaming a través da canle de Youtube do programa Ames Saudable.
Por outra banda, a segunda opción, “Adolescencias contemporáneas: encrucilladas e desafíos”, contará coa psiquiatra e psicoanalista Elisabeth Palacios, representante do Comité Internacional de Familia e Parella da IPA (Asociación Psicoanalítica Internacional). Este obradoiro pódese seguir por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
II Feira da Saúde e Ben-Estar
Ao mesmo tempo na zona exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns desenvolverase a segunda edición da Feira da Saúde e Ben-Estar, en horario de mañá, de 10.00 a 14.30 horas, e de tarde, de 16.30 a 20.00 horas. Un total de 14 asociacións (ALCER, ANEDIA, ACEGA, AGADEA, ACEM, AECC, ASANOG, Fonte da Virxe, Alcohólicos Anónimos, QuerENDO, AMICO, AGAPA, CON-ARTITRIS E AEPNAA) montarán os seus stands co obxectivo de proporcionar información a todas aquelas persoas que se acheguen por alí.
Estas mesmas asociacións estiveron impartindo entre o martes 19 e o venres 22 de abril unha serie de faladoiros no Pazo da Peregrina sobre temas de vital importancia como a solidariedade social e a doazón de órganos; a enfermidade celíaca e a dieta sen glute; os recursos e terapias non farmacolóxicas en persoas con demencia tipo alzhéimer; como se lle explica a un fillo/as que teño cancro; a endometriose; a situación do amputado/a actual en Galicia; o acompañamento comunitario e atención no rural á saúde mental; e sobre como Alcólicos Anónimos traballa na súa comunidade.
Ademais, do 19 ao 23 de abril realizáronse unha serie de actividades de mantemento físico na zona exterior do Pazo da Peregrina.
Xantar solidario
Aproveitando a celebración da II Feira da Saúde e da primeira xornada de saúde mental organizouse un xantar solidario que tamén se vai realizar na Casa da Cultura de Bertamiráns de 14.30 a 16.30 horas. En dito xantar participarán preto de 100 persoas que terán que aboar 15 euros polo prezo do menú. O importe recadado será doado á Xunta Local de Ames da Asociación Española Contra o Cancro e á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia. Nesta iniciativa colaboran o CIFP Compostela, o restaurante A Ostrería, e mailas cafeterías das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Servirase un xantar de pé para que as persoas que participen na Xornada de saúde mental e na Feira da Saúde e Ben-Estar poidan falar e intercambiar experiencias. O menú estará composto por maki de lacón con grelos; empanada galega; chupito de crema de cabaza o curry con pipas; tosta de espelta con aguacate e salmón; espeto de porco e piña á soia; polo con tomatiños e albahaca; polvo á mugardesa; escalibada con ventresca; e surtido de queixos galegos. Será un menú saudable no que se van empregar produtos locais e de proximidade. Unha parte do menú vai ser previamente elaborado na cociña da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro e outra parte do menú será elaborado o propio día do xantar na cociña da cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Novas relacionadas:
Enfoques: "Ames acoge este sábado la II Feria de la Salud y la I jornada sobre salud mental"