Pestanas principais

Ames acolle mañá o acto institucional do 25N, que contará cunha charla contra as violencias machistas e unha actuación da EMMA

Xoves, 24 de novembro de 2022

O acto institucional do Día internacional da eliminación da violencia contra a muller celebrarase mañá, 25 de novembro, ás 17:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nel ofrecerase unha charla informativa sobre violencias machistas e agresións sexuais. Ademais, haberá unha performance e unha actuación da man do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) e repartirase aos asistentes merchandising co lema da campaña deste ano.

“Que o meu machismo non se converta no teu problema” e o lema baixo o que se presentou a programación de actividades coas que o Concello de Ames conmemora o Día da violencia contra a muller 2022. Como adoita acontecer todos os anos, o acto institucional, que se celebrará o propio día 25, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, contará coa asistencia de representantes da Corporación municipal, e incluirá a lectura dun manifesto asinado polas formación políticas con representación no Concello.

A charla estará conducida por María Angélica Mercado Torres, especialista universitaria en Estudos de xénero e políticas de igualdade, e versará sobre agresións sexuais e violencia sexual. Está enmarcada dentro do conxunto de accións contra a violencia de xénero da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixidas á rede de entidades locais. A actividade, ademais, forma parte dun acordo de colaboración asinado coa federación galega de municipios e provincias.

Para rematar, haberá unha actuación protagonizada polo alumnado da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), e repartirase material co lema da campaña, “Que o meu machismo non se converta no teu problema”.

Este ano, ademais, colocaranse para o acto 37 pares de zapatos, un por cada muller que foi asasinada vítima de violencia de xénero ao longo do ano 2022. Os zapatos levarán escritos o nome das vítimas como maneira de visibilizar o espazo que ocupan as mulleres que faltan e a lacra que supón para a sociedade a violencia machista.

A concelleira de Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que se trata dun “acto sinxelo no que queremos ocupar o espazo público, desta vez nun dos espazos emblemáticos do noso concello, para visibilizar unha vez máis a repulsa da poboación amesá cara as violencias machistas”.

A concelleira engadiu que o obxectivo do acto é “concienciar sobre as desigualdades que aínda existen a día de hoxe na nosa sociedade, para sensibilizar sobre as violencias que se seguen a exercer sobre as mulleres, e para non esquecer que temos que seguir nesta loita, e que, máis que nunca, debemos estar toda a sociedade unida e que a responsabilidade é de todos e de todas”. “Coa igualdade non gañamos as mulleres, gaña toda a sociedade”, concluíu.

Programación dende o 17 de novembro ata o 1 de decembro
O programa do Concello de Ames con motivo do 25N deu comezo o pasado 17 de novembro, coas andainas contra a violencia de xénero organizadas dende o programa SaúdeAndo con saída dende O Milladoiro, que tamén se celebrarán hoxe xoves, a partir das 17:30, no centro de saúde de Bertamiráns. Para participar non é necesaria a inscrición previa.

Por outra banda, o pasado sábado 19 tamén se representou na Casa da Cultura do Milladoiro a obra teatral SOA, que busca concienciar sobre a realidade das mulleres que sofren violencia física e psicolóxica, pero mostrando tamén un futuro repleto de esperanza, autoestima e liberdade sexual.

Para rematar, o día 1 de decembro celebraranse, un ano máis, as xornadas “Achégate á Igualdade”, que se desenvolverán na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 9:30 a 14:30 horas. Nesta ocasión asistirán profesionais do ámbito da saúde e expertas en violencia machista, e haberá dúas conferencias e unha mesa redonda. Para asistir é necesario inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico achegate22@gmail.com, no que se indique nome, apelidos e forma de participación (presencial ou por streaming).

Ames acolle mañá o acto institucional do 25N, que contará cunha charla contra as violencias machistas e unha actuación da EMMA

Multimedia

  • Ames acolle mañá o acto institucional do 25N, que contará cunha charla contra as violencias machistas e unha actuación da EMMA
  • Ames acolle mañá o acto institucional do 25N, que contará cunha charla contra as violencias machistas e unha actuación da EMMA