Pestanas principais

Ames acolle o día 30 de decembro o partido de fútbol solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”

Venres, 22 de decembro de 2017

[22-12-2017] Esta mañá a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da cuarta edición do partido de fútbol solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”. Trátase dun evento solidario en favor da Fundación Andrea, que se celebrará o día 30 de decembro no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Este evento está organizado pola S.D. Milladoiro e conta coa colaboración do Concello de Ames. A partir das 17:00 horas haberá un partido entre famosos, inchables, postos de comida, música, exhibicións, agasallos, exhibicións de deportistas e sorteo de camisetas de equipos de fútbol. A entrada terá un custo de 2 euros e será doada integrante para a fundación Andrea.

Unha tarde chea de deporte, animación e música solidaria é o que se vivirá o vindeiro sábado, 30 de decembro, no campo municipal de fútbol do Milladoiro. O Concello de Ames e maila Sociedade Deportiva Milladoiro presentaron esta mañá a cuarta edición do partido de fútbol solidario “Que ninguén quede en fóra de xogo”. Trátase dun evento benéfico en favor da Fundación Andrea, que apoia aos nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais. A entrada, que ten un custe de 2 euros, será doada a esta Fundación. Neste evento tamén colaboran entidades como Amizar Agility, Artes gráficas Alonso, Jisma, Real Federación Galega de Fútbol e Domino´s Pizza.

Na presentación estiveron o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o presidente da S.D. Milladoiro, Vicente “Checho” González, a presidenta da Fundación Andrea, Charo Barca, o campión de España por décimo quinta vez e medalla de bronce no campionato de Europa de squash, Borja Golán, así como representantes dos clubs de boxeo Abuelo Box e canino Amizar Agility.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “no Concello de Ames cremos que o deporte, o fomento da saúde e a solidariedade combinan á perfección na realización de eventos, como se vén demostrando coa organización de actividades como a Carreira da Familia, na que os fondos recadados foron integramente doados á Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Nesta ocasión, a entidade escollida foi a Fundación Andrea, xa que valoramos a grande labor que esta está a realizar. Deste xeito, esperamos que o partido sexa un éxito e que se dean, por suposto, futuras colaboracións coa Fundación Andrea”.

O presidente da S.D. Milladoiro, Vicente “Checho” González, dixo “estamos especialmente contentos de que esta iniciativa alcance, este ano, a súa cuarta edición. Ademais, nesta ocasión, o formato do evento volve ser semellante ao do primeiro ano. A primeira edición fora un éxito, polo que decidimos repetir ao ano seguinte, recadando fondos para Asociación contra o Cancro de Ames. O terceiro ano optamos por mudar o formato, cambiando tamén as datas para que o evento coincidira cunha intervención á que se tiña que someter a persoa á que ían destinados os fondos. Visto o camiño que esta iniciativa leva recorrido, esperamos que se poidan celebrar moitas máis edicións”.

Programación de actividades

Haberá un partido entre famosos, inchables, postos de comida, música, exhibicións, agasallos, exhibicións de deportistas e sorteo de camisetas de equipos de fútbol. O programa de actividades comezará ás 17:20 horas cunha exhibición de boxeo, na que se contará coa colaboración do club Abuelo Box e do club Planas. O público asistente a dito acto poderá ver unha exhibición do tres veces campión de España e aspirante ao título Europeo do peso mosca, Moncho Mirás. Ás 18:00 horas realizarase unha exhibición de Agility a cargo do club canino Amizar e ás 18:45 horas haberá unha exhibición de xogos de maxia a cargo do Mago Romarís.

Ás 19:00 horas chegará o acto principal da tarde, unha partido entre famosos, no que participarán políticos, actores, cantantes, y ex-futbolistas. Está confirmada a participación de políticos do goberno e da corporación municipal de Ames como o alcalde, José Miñones, o concelleiro de Urbanismo e Obras, Blas García, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e mailo voceiro de Pacto por Ames, Ramón García Argibay. Tamén haberá grandes actores como Pepo Suevos, Federico Pérez, Xosé Antonio Touriñán; xornalistas coma Roberto Carlos Carballo, Diego Viaño, Terio Carrera, Carlos Macía e Ramón Castro.

Ademais, neste partido contarase coa participación de grandes futbolistas galegos e de fóra de Galicia que militaron en clubs galegos como Ángel Lekumberri, Milorad Ratković, Fran Cainzos, Vicente Celeiro, Xurxo Otero, Carlos Padín, Juampa Barros, Pablo Coira, Manuel Castiñeiras, Nacho, Fabiano, Juan Cabrejo e Javier Bellido. Tamén xogará o actual adestrador do Santiago Fútsal, Santi Valladares, o ex-árbitro, Raúl García de Loza, o ex-ciclista, Ezequiel Mosquera, o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, o vocalista de Heredeiros da Crus, Javi Maneiro, Erin do grupo Comando Katana, e o propietario do histórico asador Gonzaba, Fredi.

No descaso do partido de famosos, arredor das 19:45 horas, farase un sorteo de agasallos. Deste xeito, sorteáranse unha botas fútbol sala de David Pazos, actual xogador do Palma Futsal, ex-xogador de Santiago Futsal e campión de Europa con Inter Movistar. Tamén se sorteará unha camiseta asinada polo xogador do Atlético de Madrid, Fernando Torres, unha camiseta do Real Club Deportivo da Coruña, camisetas da selección galega de fútbol, camisetas da selección española de rugby, e tres pósters e un CD do ultimo éxito en solitario de Javi Maneiro "Furtivos", que llos asinará aos agraciados/as. Unha vez remate o partido haberá un sorpresa e ao final do evento, ás 21:15 horas, haberá un concerto de rap coa actuación de Erin, de Comando Katana, Soed y Pablotr3s.



Contido relacionado


Lindeiros: "Ames acolle o partido solidario <Que ninguén quede en fóra de xogo>"
El Correo Gallego: "Partido de fútbol solidario <Que ningúen quede en fóra de xogo>"
El Correo Gallego: "Partido entre famosos y exhibiciones el 30 en Ames"
La Voz de Galicia: "Iniciativas solidarias este sábado en Sar y en Milladoiro"