Pestanas principais

Ames acolle o sábado 5 de agosto a segunda edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”

Mércores, 26 de xullo de 2023

A Deputación da Coruña, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e maila Federación Galega de Piragüismo organizan o vindeiro sábado, 5 de agosto, unha nova edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, colabora na organización de dito evento. A proba, que ten un percorrido de 1.500 metros polo río Tambre, comeza ás 16.00 horas e desenvolverase ata ás 20.00 horas aproximadamente. A saída e chegada estará instalada na praia fluvial de Tapia. Trátase da terceira das seis probas que conforman o II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, no que compiten as categorías bases dos clubs da provincia. Premendo nesta ligazón pódese obter máis información e consultar os horarios da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”.

A praia fluvial de Tapia acolle o vindeiro sábado, 5 de agosto, unha nova edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”, un evento que organizan a Deputación da Coruña, o club de piragüismo Ribeiras do Tambre e a Federación Galega de Piragüismo. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, colabora na organización. Este evento deportivo está dirixido a todos os clubs da provincia da Coruña que están a desenvolver a modalidade de augas tranquilas.

Deste xeito, participarán rapaces e rapazas das categorías base dos clubs da provincia con idades entre 6 e 16 anos repartidos nas seguintes modalidades: kaiak homes, kaiak mulleres, canoa homes, canoa mulleres, paracanoe. Os/as participantes estarán divididos nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete.

Esta proba deportiva enmárcase dentro do II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña. A proba que se celebra en Ames é a terceira das seis que forman o circuíto. Xa se disputaron dúas probas en Rianxo e Pontedeume. Unha vez se celebre a proba de Ames quedarán outras tres que se van a organizar durante o mes de agosto e comezos de setembro en Miño, Outes e As Pontes.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “Ames volve a formar parte por segundo ano consecutivo do circuíto de piragüismo Deputación da Coruña. Para nós sempre é un pracer acoller probas deportivas de calquera tipo no concello, e se son en Tapia aínda mellor porque é un lugar fantástico para o ocio e para facer deporte. Alí é onde o club Ribeiras do Tambre ten a súa sede e, ademais, un emprazamento único onde os rapaces e rapazas de Ames e da contorna empezan a practicar piragüismo. Agardo que os padexeiros e as padexeiras desfruten desta proba”.

O alcalde de Ames, Blas García, incide na aposta do Concello de Ames polo deporte formativo. “Unha das actividades deportivas de referencia en Ames sempre foi o piragüismo grazas ao traballo que realiza o persoal do club Ribeiras do Tambre. Dende este club faise un importante traballo formativo cos rapaces e rapazas de Ames e incluso da contorna. O deporte base é fundamental para que despois os nosos nenos e nenas poidan sentirse identificados cunha actividade sa e que crea equipo e compañeirismo como é o piragüismo”.

Horarios e premios
A praia fluvial de Tapia servirá como punto de saída das probas, que comezarán ás 16:00 horas e se desenvolverán ao longo da tarde, coa última programada para as 19:30 horas. O percorrido, de 1.500 metros para todas as categorías, transcorre polo río Tambre ao seu paso pola área recreativa, onde estarán habilitadas as zonas de embarque e desembarque.

Unha vez rematada a competición, a entrega de premios terá lugar ás 20:00 horas, con pinchos para as persoas participantes e acompañantes ás 20:15 horas. Ao formar parte do II Circuíto de piragüismo Deputación da Coruña, establécense clasificacións individuais e por equipos, que suman para unha clasificación final na que se teñen en conta os resultados nas seis regatas. En cada unha delas entréganse medallas ou trofeo ás tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría e modalidade, ademais de trofeos aos tres primeiros clubs.

Novas relacionadas:

Ames Go: "A regata provincial de kaiak e canoa celébrase o 5 de agosto en Tapia"

Ames acolle o sábado 5 de agosto a segunda edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”

Multimedia

  • Ames acolle o sábado 5 de agosto a segunda edición da regata provincial “Circuíto praia fluvial de Tapia”