- Tematica
O Concello de Ames e o grupo Chévere chegaron a un novo acordo de colaboración vencellado ao proceso de creación da nova obra que a compañía está preparando. Trátase dunha obra protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que toma como punto de partida o cadro de Castelao titulado “A derradeira leición do mestre”, para falar de como se constrúen as narrativas da memoria. Dentro desta colaboración, o Concello de Ames ofrece a Chévere un espazo para realizar unha residencia de traballo e ensaios entre os meses de xaneiro e febreiro de 2026 e Chévere realizará no concello de Ames varias actividades asociadas ao proceso de creación. A primeira actividade proposta por Chévere é que a veciñanza amesá poida ver nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns unha reprodución do cadro de Castelao.
Para traballar a performatividade da investigación sobre o valor simbólico que se lle atribúe a esta obra de Castelao, Chévere fixo unha reprodución do cadro para presentala en contextos públicos diversos, asociada a un breve cuestionario ao que se accede desde un código QR. Isto servirá para abrir e transparentar o proceso de creación, ao mesmo tempo que se amplía a conversa arredor deste cadro senlleiro e da memoria conflitiva que representa. É por iso que se quere invitar a toda a veciñanza amesá a coñecer o cadro e responder o cuestionario que atoparán ao seu carón.
Ao longo dos meses de abril e maio poderase ver esta obra de Castelao nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns:
-Casa da Cultura do Milladoiro: do 22 ao 30 de abril.
-Casa da Cultura de Bertamiráns: do 30 de abril ata o 9 de maio.
Dende a compañía Chévere explican que “a idea é animar á veciñanza a participar e intervir nesta conversa aberta co cadro de Castelao para tirar dos moitos fíos que se cruzan nel. Aí está o testemuño directo sobre a memoria conflitiva do golpe de estado de 1936 e a represión franquista en Galicia. Aí está a homenaxe a Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36, membro dunha brillante xeración truncada pola ditadura. Aí está o propio Castelao, membro dunha xeración expulsada ao exilio que xa non poderá volver”.
“Pero aí está tamén a arte como denuncia e propaganda. A arte como símbolo da memoria colectiva. Aí está o debate sobre se o cadro debe permanecer na Arxentina como parte da nosa memoria emigrada e exiliada ou debe estar en Galicia. Aí está o uso do cadro para reafirmar narrativas dispares sobre unha memoria colectiva que segue en conflito noventa anos despois do golpe de estado. E aí está un grupo de teatro que quere tirar de todos eses fíos para explorar en escena que pasa cando un trauma afecta a nosa memoria individual ou a nosa memoria colectiva”.
Residencias artísticas
Esta proposta é unha actividade de mediación que realiza o grupo Chévere porque vai a realizar unha residencia artística en Ames vencellada ao proceso de creación da nova obra de teatro que se estreará en febreiro do 2026, protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira. As residencias artísticas son unha iniciativa que oferta a Concellaría de Cultura ás compañías profesionais, creadores e creadoras do ámbito das artes escénicas para que poidan desenvolver os seus respectivos proxectos.
Deste xeito, o Concello de Ames pretende apoiar á creación artística do tecido profesional e empresarial, ofrecéndolles aos artistas os espazos e equipamento necesarios para o ensaio e produción dos seus diferentes proxectos escénicos. A cambio, as compañías deben propoñer unha serie de actividades pedagóxicas orientadas á comunidade educativa, de promoción do teatro, orientadas á creación de novo público e á estrea das novas producións.
Sobre a compañía Chévere
Chévere é unha compañía de axitación teatral con 38 anos de traballo ao lombo, que soubo manter unha proposta de creación propia e un sólido posicionamento social, político e cultural. En 2014 Chévere recibiu o Premio Nacional de Teatro polo seu compromiso e pola súa coherente traxectoria de creación colectiva, transgresión de xéneros e conexión crítica coa realidade. Chévere conserva un núcleo creativo estable (Xesús Ron, Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira) e mantén unha ampla rede de colaboradores. Usando o humor como filosofía, a risa como expresión e o pensamento crítico como ferramenta, as súas obras confrontan no escenario os debates do presente coa memoria dun pasado recente que nos afecta, documentándoo escenicamente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos.
Exemplos deste xeito de traballar son obras como: Helen Keller, a muller marabilla? (2024), unha obra bilingüe en lingua de signos e lingua oral; N.E.V.E.R.M.O.R.E. (2021), sobre a catástrofe ecolóxica do Prestige; Curva España (2019), que trata o mito nacional español coma se fose un true crime ferroviario; Eroski Paraíso (2016), sobre os efectos da globalización nun pequeno lugar da costa galega; As Fillas Bravas (2015), unha reivindicación da cultura oral e a vida de aldea; Ultranoite no País dos Ananos (2014), un axuste de contas coa Galicia Única de Manuel Fraga; Eurozone (2013), sátira sobre a crise financeira de 2008 entendida como un atraco das elites; a triloxía Citizen (2010-2011), un biopic non autorizado sobre Amancio Ortega e o “milagre Zara”; ou Testosterona (2009), sobre as disidencias de xénero.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Ames acolle unha reprodución da obra de Castelao “A derradeira leición do mestre”"
AMSGO!: "Ames acolle unha reprodución da obra de Castelao “A derradeira leición do mestre”"