- Tematica
O Concello de Ames organiza este martes, 20 de decembro, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as xornadas sobre desenvolvemento urbano “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias”. O obxectivo destas xornadas é abordar e debater os retos de futuro aos que se enfrontan as cidades galegas, e especialmente as que se atopan entre 20 e 50.000 habitantes, que presentan un especial dinamismo económico e social na nosa rexión. Tamén se abordará o papel da Axenda Urbana como ferramenta fundamental para acompañar os procesos de reflexión estratéxica das cidades e territorios.
A elaboración da Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030, e máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. É importante para definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e para identificar e definir os principais retos e proxectos estratéxicos do concello, que haberá que afrontar durante a próxima década. Tamén é necesaria para canalizar boa parte dos fondos europeos ata 2030 e ser máis competitivos nas sucesivas convocatorias.
A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. Todas elas atravesadas pola identificación de actores, a participación e colaboración destes mesmos actores e a definición e aplicación dun modelo de gobernanza para o conxunto da estratexia. Neste momento o Concello de Ames atópase na fase de diagnose e avaliación, elaborando un primeiro documento de diagnose e análise estratéxica que permita iniciar un proceso de participación da axenda urbana de Ames informado e un debate en torno ás problemáticas e retos do concello baseado en datos.
Co obxectivo de abordar o papel da Axenda Urbana como ferramenta fundamental para acompañar os procesos de reflexión estratéxica das cidades e territorios, este martes 20 de decembro, vanse a celebrar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, as xornadas sobre desenvolvemento urbano “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias”.
Programa das xornadas
O acto de apertura terá lugar ás 9.30 horas a cargo do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e do alcalde de Ames, Blas García. De seguido, ás 10.15 horas, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e mailo alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, intervirán na mesa de debate “Diálogo Urbano. Cara onde van as cidades? Retos e oportunidades das cidades galegas desde a perspectiva da axenda metropolitana e urbana”. Ás 11.00 horas María Cadaval, do Foro Económico de Galicia, fará unha reflexión técnica sobre as axendas urbanas como instrumento de planificación estratéxica.
Posteriormente, ás 12.00 horas haberá unha segunda mesa de debate na que intervirán o alcalde da Estrada, José López Campos, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Falarán sobre o diálogo urbano: o papel das cidades intermedias en Galicia. As xornadas serán clausuradas polo alcalde de Ames, Blas García, e polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Miñones, Rey y Bugallo abordan los retos de las ciudades intermedias en una jornada en Bertamiráns abierta al público"