- Tematica
O vindeiro 16 de outubro a gran final do torneo celebrarase no Real Aeroclub de Santiago, na parroquia de Piñeiro, a portas abertas. O obxectivo é achegar os Camiños de Santiago que pasan polo norte de España aos amantes do golf. O campionato desenvólvese en catro fases celebradas en País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia. Para participar, pódese consultar na súa páxina web.
O primeiro campionato de golf Circuito TUR 43 España Verde pretende promocionar as comunidades do norte como destino de golf. O torneo, a través do deporte, busca reforzar e poñer en valor as paisaxes, a gastronomía e os recursos turísticos. Entre País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia, calcúlase que hai 43.000 xogadores de golf federados.
O 4 de setembro comeza o campionato en Cantabria, en San Vicente de la Barquera. A segunda proba será no campo Izki de Urturi (Álava-País Vasco) o 18 de setembro, a seguinte en Oviedo, o día 21 dese mesmo mes e, por último, competirase no Real Club de Golf da Coruña, o 3 de outubro. A gran final celebrarase no Real Aeroclub de Santiago, en Ames, o 16 de outubro.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, mostrouse moi satisfeito coa realización deste torneo no concello “dende que tivemos a primeira reunión o 30 de abril tivemos tres meses de intenso traballo para sacar adiante este proxecto que ten como obxectivo que Ames sexa coñecido coma un destino de golf” e engadiu “temos que darlle as grazas á Deputación da Coruña por apostar por este proxecto pois a súa participación foi clave á hora de programar a final e a semifinal en Ames e na Coruña respectivamente”.
O campionato de golf Circuito TUR 43 España Verde conta cun inmenso grupo de patrocinadores entre os que destaca a presenza do restaurante amesán Casa Abelleira. Este restaurante vai promocionar os seus chicharróns nas degustacións que van ter lugar tanto na final como na semifinal.
Modalidade
Tanto na fase de clasificación, como na final, xogarase baixo a modalidade stableford hándicap, 18 buratos, individual con dúas categorías. A limitación de hándicap de xogo nas probas de clasificación será de 26.4 para cabaleiros e 36.4 para damas.
Para máis información, pódese consultar na súa páxina web.