Pestanas principais

Ames acolleu o sorteo para elixir aos membros das 36 mesas electorais para os comicios autonómicos do 21 de outubro

Luns, 24 de setembro de 2012

[24-09-2012] Esta mañá celebrouse na Casa do Concello un Pleno extraordinario no que se procedeu ao sorteo das persoas que ocuparán as 36 mesas electorais de Ames nas próximas eleccións autonómicas, que terán lugar o domingo 21 de outubro. Un total de 21.908 persoas poderán votar en Ames. O alguacil e outro persoal do Concello serán os encargados de notificarlles a cada unha das persoa que saíron elixidas para formar parte dalgunha das mesas electorais.

Máis de 21.900 persoas están chamadas ás urnas en Ames nas vindeiras eleccións autonómicas. Este luns pola mañá, ás 10:30 horas, celebrouse unha sesión plenaria que serviu para elixir ás persoas que ocuparán as 36 mesas electorais do Concello de Ames nestes comicios. Este proceso levouse a cabo de xeito aleatorio e para iso empregouse un sistema informático no que se meten todas as persoas censadas con dereito a voto e que cumpren os requisitos para poder formar parte das mesas. De xeito automático, procedeuse ao sorteo para determinar os integrantes das mesas electorais.

Nestas eleccións haberá 36 mesas electorais, igual que sucedeu nas pasadas eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado celebradas o 20 de novembro de 2011. A estas eleccións están chamados un total de 21.908 electores.

O Milladoiro será o núcleo que contará cun maior número de mesas electorais ao ser a localidade con máis poboación con dereito a voto. Deste xeito, O Milladoiro conta con 8.562 electores e 12 mesas electorais, mentres que Bertamiráns dispón de 9 mesas electorais e 5.754 electores.

Durante as próximas datas, persoal do Concello de Ames notificaralles a todas as persoas que saíron elixidas que mesa electoral teñen que ocupar. Cada mesa electoral está formada por 3 persoas e hai 2 suplentes por cada membro. Polo tanto, por cada mesa electoral realízanse 9 notificacións. No caso de que sexa imposible a notificación e localización dunha determinada persoa pasarase a seguinte da lista e esta irá correndo en función das persoas que non sexan localizadas.

Distribución das mesas electorais

Comezando polo noroeste do concello, aos veciños e veciñas censados en Agrón correspóndelles votar no teleclub do campo da igrexa desta parroquia. Todo Lens e todo Trasmonte comparten como colexio electoral a antiga escola de Trasmonte. A xente de Piñeiro acudirá votar tamén á antiga escola unitaria desta parroquia.

No caso de Ames os recintos divídense dependendo dos lugares de residencia dos votantes. Así, os electores e electoras de Oca, Seares de Abaixo, Seares de Arriba e de Tapia, terán que acudir ao local social de Tapia, situado en Frenza. A xente de Barouta, Carreira, Cruxeiras, Lamas, Outeiro, Quintáns e Pedrouzos-Vilar votarán na escola de Cruxeiras. Por último, as persoas censadas en Augapesada, Castiñeiro de Lobo, Proupín, Castelo, Pousada, Pegariños, Padrón e Pedras teñen asignado o colexio electoral do teleclub de Augapesada.

Da outra banda da estrada toda a xente de Covas terá que achegarse á urna da escola infantil para depositar o seu voto. Os electores de Ameixenda votarán no teleclub da parroquia. Se nos trasladamos a Bugallido, atopamos que os electores de Barreiro, As Buceleiras, Eirapedriña, Framán, Guimaráns, O Instrumento, Mourigade, O Outeiro e Quistiláns teñen asignado como lugar para votar o local social de Guimaráns. Os de Firmistáns e Tarrío votarán na antiga escola de Firmistáns.

En Ortoño atopamos tres grandes áreas con distintos destinos á hora de votar. A xente de Bertamiráns -incluídos os lugares do Casaliño, O Pedregal, Castrigo, Cantalarrana, Carballido e A Condomiña- votará ao completo na Casa da Cultura, situada na praza de Chavián. A urbanización Aldea Nova ten asignado o local social. Os arredores de Bertamiráns -A Igrexa, As Cortes, O Instrumento, Lapido, Maguxe, Ortoñiño, As Punxeiras Altas, A Tarroeira, Sisalde e O Santo- votarán na escola infantil da Tarroeira.

Esta división urbano-periurbano tamén se lle aplica á parroquia de Biduído, na que se asenta o núcleo do Milladoiro. Todas as persoas censadas neste lugar terán que depositar o voto na mesa que lles corresponda do pavillón polideportivo municipal da Travesía do Porto. Ventín, Coira, Fraíz, A Moniña e O Paramuíño teñen asignado o colexio de Ventín. Biduído de Abaixo, Biduído de Arriba, Casanova, Costoia, Framil, A Agrela, A Igrexa, Raíces, As Mimosas e Millalar terán que votar na antiga escola de Biduído de Abaixo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames acolleu o sorteo para elixir aos membros das 36 mesas electorais"