Pestanas principais

Ames adherirase á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad

Sábado, 25 de xaneiro de 2020

O Concello de Ames dá un novo paso na súa aposta polo impulso da biodiversidade e a mellora dos espazos naturais, adheríndose á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad. A protección do Medio Ambiente é unha das liñas estratéxicas do goberno municipal, que a través da nova Concellería de Transición Ecolóxica pretende poñer en valor as riquezas naturais e ecolóxicas do concello, á vez que seguir avanzando nas políticas ambientais postas en marcha entre as que destacan accións como o Plan de prevención de incendios, a recollida selectiva e reciclaxe do lixo, os contedores de aceite, o Punto limpo ou as campañas de reciclaxe e recollida de aveños e voluminosos que se están levando a cabo no Concello.

Esta aposta ambiental que se leva a cabo no Concello é unha peza clave no deseño da axenda ambiental e nos programas de conservación e fomento da biodiversidade. Ames na actualidade xa forma parte da Rede de Cidades polo Clima e coa adhesión á Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad poñerase en marcha a Estratexia local pola biodiversidade na que o verde de Ames será unha peza clave do desenvolvemento urbano dos vindeiros anos.

A Rede de Gobernos Locais +Biodiversidad ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos gobernos locais españois, a adopción de políticas, plans e programas en materia de conservación e fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da  conexión ecolóxica e salvagardar os ecosistemas.

Agora mesmo, no Concello de Ames en materia de Transición Ecolóxica estase levando a cabo unha recollida e tratamento de residuos con compostaxe, a recollida de aceites domésticos en urbano e rural, o bo funcionamento do Punto limpo, a compostaxe de produtos da cociña, a elaboración do proxecto de hortas urbanas, levar a cabo a Axenda21, a plantación de especies e prevención de incendios, campañas de concienciación de reciclaxe, a Aula da Natureza da Ameixenda achegando á cidadanía proxectos de medio ambiente, brigadas de garda ambientas e recollida de aveños, ademais de pertencer un parte do territorio amesá á Rede Natura.
 
Un sistema de tratamento de residuos respectuoso co medio ambiente
Ames é un dos poucos Concellos que na actualidade aposta por un sistema de tratamento de residuos respectuoso co medio ambiente por medio da Mancomunidade de Serra do Barbanza. Desde o ano 2003 a planta situada en Lousame pasa por ser a que mellores resultados colleita no referente ao reciclaxe con mais de 35.000 toneladas ao ano e na que Ames aporta o volume principal de todos os concellos. O sistema de reciclaxe polo que aposta o Concello rexeita a incineración que si ten lugar na opción de Sogama e aposta por unha recollida selectiva que separa en orixe con camións compartimentados.

Con respecto a isto, Blas García, concelleiro de Servizos Básicos, declara que “as cifras récord que mes tras mes estamos a ver no Punto limpo de Ames fortalecen a idea da nosa aposta polo reciclaxe e a continuidade de campañas como a recente de Nadal". E continúa manifestando que “aínda así imos a seguir apostando por este sistema coa posta en marcha co novo contrato de limpeza viaria dun Punto limpo móbil que recolla restos polo rural dunha maneira periódica”.

Para Manuel Lens, concelleiro de Transición Ecolóxica "o reciclaxe é unha cousa de todos e de aí a importancia de que desde o Concello nos sumemos ao resto de municipios pola biodiversidade, na procura da protección e recuperación dos nosos espazos".

Mellora do saneamento e abastecemento
Asemade, dende o Concello de Ames estase a levar unha mellora do sistema de saneamento e abastecemento, con campañas selectivas sobre o aforro no consumo hídrico e a mellora da rede cun elevado investimento, ademais de comezar os traballos para a elaboración dun Plan Director do Ciclo Integral da Auga para fixar as necesidades de mellora e ampliación da rede para os vindeiros 20 anos.

Aposta por unha economía baixa en carbono
Outro dos puntos a ter en conta, e a aposta do Concello por unha economía baixa en carbono, polo que se vai a proceder ao cambio da totalidade das luminarias de alumeado público, pasando a tecnoloxía led, así como a instalación de dous puntos de carga de vehículos eléctricos situados tanto en Bertamiráns como en Milladoiro.

Nesta liña, o goberno anunciou que proximamente se vai aprobar a licitación do novo Parque verde central do Milladoiro, cuxo proxecto foi presentado este pasado venres, 24 de xaneiro, e que posibilitará gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e areas de xogo. Para José Miñones, alcalde de Ames, “a nova infraestrutura verde que queremos para Ames comezará cun investimento de 200.000 euros nesta primeira fase, que terá continuidade con case 90.000 euros máis que estarán incluídos no novo orzamento de 2020”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A rede +Biodiversidad chega ó concello amesá"

Imaxe do espazo natural de Riamontes