Pestanas principais

Ames adhírese ao Programa Thao para poñer freo á obesidade infantil

Xoves, 24 de marzo de 2011

[24-03-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, asinará este venres ás 13:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a carta de adhesión ao programa Thao-Saúde Infantil para a prevención da obesidade. A través deste acordo o Concello de Ames pasará a formar parte dos municipios que se integran dentro deste programa que promove hábitos saudables entre a poboación tanto a nivel de alimentación como de actividade física, co obxectivo de frear a progresión da obesidade infantil. Este acto contará coa asistencia do presidente da Fundación Thao, Henri García; do director científico da Fundación Thao, o Dr. Rafael Casas, e do director de desenvolvemento nacional da Fundación Thao, Francisco Sarasua.

O Concello de Ames aposta decididamente pola educación alimentaria e iso vese reflectido no servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares. Os comedores escolares de Ames foron pioneiros á hora de ofrecer un servizo de xestión alimentaria directa que comeza e completa o ciclo, desde a elección do menú e a compra ata a cociña e a mesa, sen pasar por mans alleas. Mentres que a meirande parte dos comedores escolares de Galicia e mesmo do resto do estado están xestionados por ANPAS e servidos por empresas de catering, Ames decidiu facerse cargo do servizo dun xeito integral.

Con este programa realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.

Agora o goberno municipal dá un paso máis en materia de educación alimentaria e unirase este venres, día 25 de marzo, ao Programa Thao-Saúde Infantil para a prevención da obesidade, nun acto que terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ás 13:00 horas. O Concello quere, co desenvolvemento deste programa de saúde pioneiro en Europa, combater unha das ameazas máis graves que afecta os nenos e nenas españois.

O acto, no que se asinará a carta de adhesión ao Programa Thao-Saúde Infantil, estará presidido polo alcalde de Ames, Carlos Fernández, e contará coa asistencia do presidente da Fundación Thao, Henri García; do director científico da Fundación Thao, o Dr. Rafael Casas, e do director de desenvolvemento nacional da Fundación Thao, Francisco Sarasua.

Os nenos e nenas amienses que cursan os seus estudios nos colexios de educación infantil e primaria, e nas garderías gardarías municipais entrarán a formar parte deste programa, co fin de consolidar uns hábitos saudables de alimentación e de actividade física nas súas rutinas cotiás. Ames é o segundo municipio galego en adherirse ao Programa Thao-Saúde Infantil despois de que o fixese Santiago de Compostela durante o curso 2008-2009.

A incorporación de Ames ao Programa Thao-Saúde Infantil enmárcase no convenio de colaboración que a Fundación Thao asinou o pasado 9 de febreiro coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). Este programa, desenvolvido pola Fundación Thao, achega unha resposta ao problema da obesidade infantil, porque pretende previla, actuando directamente nos municipios, sobre a contorna dos nenos e as nenas. Grazas a este programa, preténdese frear a progresión da obesidade infantil en España, un dos países do mundo coa taxa máis alta de obesidade e sobrepeso infantil.

Estilo de vida saudable

O Programa Thao ten como finalidade ilusionar e mobilizar a todos os cidadáns cara a un estilo de vida saudable e enmárcase dentro das formulacións e a filosofía pola Estratexia Naves, a estratexia levada a cabo pola AESAN (Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición), do Ministerio de Sanidade e Consumo, co fin de previr a obesidade infantil en España. A AESAN apoia ao Programa Thao-Saúde Infantil.

Actualmente son 84 municipios españois, coa entrada de Ames, os que desenvolven o Programa Thao-Saúde Infantil, alcanzando a unha poboación de 300.000 nenos e nenas e de 2.500.000 persoas. O Programa Thao-Saúde Infantil, lanzado en España no ano 2007 e desenvolvido a través dos municipios, dedícase á prevención da obesidade infantil coa promoción duns hábitos de vida saudables nos nenos e as nenas de entre 3 e 12 anos, e desde o 2010, en bebés de 0 a 3 anos con materiais específicos.

Os obxectivos principais deste programa son promover hábitos de alimentación saudables, educando e familiarizando aos nenos e as nenas de maneira lúdica, na diversidade, o sabor e a boa elección dos alimentos; estimular nos nenos e as nenas o hábito da actividade física, non só a deportiva, senón tamén os xogos activos, e a participación lúdica e social; e realizar unha avaliación anual dos resultados de todas as accións desenvolvidas no ámbito do programa, incluíndo a medición (peso, talla, circunferencia de cintura) de todos os nenos e nenas que participan.

Para resumir, o Programa Thao quere inculcar nos nenos, nas nenas e as súas familias as motivacións positivas dos comportamentos saudables, para que os asuman de forma permanente e duradeira.