Pestanas principais

Ames aposta pola volta da programación cultural adaptada á nova normalidade

Sábado, 09 de maio de 2020

Pasada a cautela inicial, o Concello de Ames vai continuar programando con cambios de data, formato, e adaptándose ás novas necesidades no eido cultural. A programación cultural volverá a principios do mes de xullo, sabendo que a planificación de actividades en espazos públicos terá que estar supeditada ás normativas esixidas polas diferentes institucións en relación aos límites de aforo, separación coas medidas de seguridade, locais, e co plantexamento de cumplir de forma optimista coa nova normalidade. A primeira actuación prevista será a celebración do Festival de Jazz, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o 4 de xullo.

Ao Festival de Jazz seguiralle a actuación do grupo Leilía, o 12 de xullo, e unha nova edición das Noites en Vela na Pontemaceira, o 18 de xullo. Asemade, o día 23 de xullo desenvolveranse os actos relacionados coa celebración do Día de Galicia. Xa no mes de agosto, terá lugar unha actuación do grupo folk a Roda. Igualmente, desde a Concellaría de Cultura infórmase de que a celebración da décima edición do Festival Millarock adíase ao sábado 19 de setembro e que, nos vindeiros días, anunciarase o cartel. Son estas algunhas das actuacións programadas para os próximos meses, en función do importante papel que as administracións públicas e a administración local deben desenvolver no apoio a aqueles ámbitos ou segmentos en que o tecido cultural é máis feble.

A concelleira de Cultura, Natividade González, entede que "desde a administración local debemos apostar e adaptarnos, con compresión e flexibilidade, ás necesidades creadas na realidade sobre a que operamos, xa que esta crise removeu todas as planificacións e todos os escenarios. Un destes ámbitos é sen dúbida o da cultura, un sector  financeiramente fráxil e con escasa capacidade de resistencia, xa que falamos de autómomos, micro-pemes e cooperativas sociais na súa grande maioría". A concelleira destaca, igualmente, que "desde o inicio da crise, como goberno, unha das primeiras iniciativas foi priorizar de inmediato a realización dos pagamentos pendentes a compañías e artistas, ao igual que comunicar a estes, asociacións culturais, comisións de festas e agrupacións, o mantemento da programación propia respecto aos contratos existentes, que tiñan previstas actuacións".

A Concellaría de Cultura traballa no plantexamento de novas alternativas para o futuro, se ben enténdese que, a curto prazo, é necesario que se manteñan os orzamentos de cultura, que se sigan facendo as contratacións con vistas ao verán, programacións con aforos reducidos, en pequeno formato, pequenas actuacións, concertos verticais e, nos auditorios, con todas as medidas de seguridade e reducindo os aforos. Natividade González sostén que se trata de "por unha banda, seguir programando e, pola outra, asumir a responsabilidade e ser consecuentes como representantes públicos da menor destrucción de emprego do país, do noso concello e, no meu caso, mirar pola reactivación do sector cultural".

Subvencións
A Concellaría de Cultura subirá a web municipal, a vindeira semana, o borrador das bases da convocatoria de subvencións para a promoción de actividades levadas a cabo por asociacións culturais do concello, coa finalidade de proporcionar apoio económico para promover as actividades de índole cultural e para adquisición de material inventariable. Igualmente, farase o mesmo coas subvencións para a promoción de festas populares celebradas no concello, coa finalidade de proporcionar apoio económico para promover as actividades asociadas á celebración das festas populares, desenvolvidas polas asociacións culturais e veciñais do concello de Ames. Unha vez finalice a situación de estado de alarma e se reanuden os prazos administrativos, publicaranse no BOP e abrirase o prazo correspondente de presentación de solicitudes. Destínanse un total de 60.000 euros para estas convocatorias.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Ames aposta pola volta da programación cultural adaptada á nova normalidade"

noites en vela