O Concello de Ames inicia o proceso de selección para participar nunha nova edición do Programa Integrado de Emprego. A edición 2021-2022 está destinada a 60 mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión e 40 persoas menores de 30 anos desempregadas e cunha cualificación máxima de Bacharelato. O proceso comeza logo de que o pasado 8 de novembro rematase a edición 2020-2021 con máis do 50% de inserción das mulleres participantes. As persoas que desexen participar no programa, cun obxectivo de inserción do 40%, poden inscribirse xa no proceso de selección a través desta ligazón.
O Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021-2022, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 243.316 € e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión, está dirixido a 100 persoas desempregadas, dos concellos de Ames e Brión. O obxectivo principal do programa é a inserción laboral, xa sexa coa mellora da súa empregabilidade, coa realización de titorías, formación ou prácticas, ou ben adaptando os itinerarios ás expectativas e perfís individuais de cada persoa. A edición 2021-2022 desenvolverá as súas actividades ata o 21 de novembro de 2022.
Proceso de selección
Durante os próximos dous meses seleccionaranse as persoas participantes, con 60 prazas reservadas para mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión e 40 para persoas menores de 30 anos desempregadas dos mesmos municipios, cunha cualificación máxima de Bacharelato. Ademais de encadrarse nalgún dos colectivos anteriores, as persoas interesadas en participar no programa deben estar inscritas como demandantes de emprego. Poden apuntarse no proceso de selección cubrindo o cuestionario dispoñible nesta ligazón.
Balance do Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión 2020-2021
O pasado 8 de novembro rematou a décimo terceira edición do Programa Integrado de Emprego dos Concello de Ames e Brión. O obxectivo do programa é a inserción laboral das persoas participantes ou, cando menos, a mellora da súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións (titorías individuais, formación, prácticas...) e adaptando o seu “itinerario” en función dos perfís individuais e as súas expectativas.
O itinerario que comezou o pasado mes de xaneiro supera o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes (contratos de 3 meses ou máis). Ao remate do programa, un total de 58 participantes tiveron un ou varios contratos laborais.
Formación para o emprego
Ao longo de once meses desenvolvéronse 5 itinerarios formativos: Actividades para a infancia e a xuventude, Actividades de comercio e atención ao público, Limpeza, Servizos socioculturais e á comunidade e Turismo.
Deste xeito, realizouse formación con homologacións oficiais como o Certificado de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, o curso de Monitorado de actividades de tempo libre, Operador Carretilla Elevadora ou o de Manipulador/a de alimentos.
Ademais impartíronse cursos de carácter transversal como: Inglés, Informática e Ofimática, Competencias Clave, Coaching e motivación para a procura de emprego, Marca persoal, Comunicación e Elevator Pitch e Gamificación na procura de emprego.
En total impartíronse 46 accións formativas e 3 charlas informativas. Para facilitar a participación as participantes dispuxeron da plataforma de formación en liña cun catálogo de máis de 250 cursos clasificados por familias profesionais. As interesadas completaron un total de 104 cursos na modalidade de teleformación.
Titorías individuais
As participantes asistiron con regularidade ás sesións de orientación individuais (titorías) nas que se lles asesorou no seu proceso de procura de emprego, as actividades a realizar no Programa e en calquera outra cuestión que precisaran para mellorar a súa empregabilidade. En total, realizáronse 321 titorías.
Prácticas non laborais en empresas
A realización de prácticas non laborais en empresas, vinculadas á formación sectorial, é unha das actividades con mellores resultados para a inserción laboral. Así, 47 participantes desenvolveron a súa actividade de prácticas froito da sinatura de 16 convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e arranxo de habitacións en hoteis”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar e transporte” e “Información turística e atención ao cliente en recepción” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade como son o comercio, supermercados e hipermercados, actividades escolares, ocio infantil, establecementos hoteleiros ou empresas de limpeza.
Emprendemento
A atención e asesoramento a participantes interesadas en poñer en marcha unha iniciativa emprendedora é outra das liñas de actuación do Programa Integrado. Ao longo desta edición dúas participantes abriron o seu propio establecemento comercial en Bertamiráns: un do sector de moda e outro adicado a produtos a granel.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou a capacidade de inserción do programa e as facilidades que ofrece para a iniciativa emprendedora. “Con estes cursos de formación preténdese mellorar as posibilidades de acceso ao emprego de cada un dos participantes, por conta propia e por conta allea, a través tanto da formación transversal como da formación deseñada especialmente para cada un dos participantes e para os sectores e as ocupacións con mellores perspectivas do mercado laboral. Con estes cursos de formación 100 persoas desempregadas dos concellos de Ames e Brión melloran cada ano as súas posibilidades de acceder ao mercado laboral”.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El plan de empleo de Ames y Brión logra una inserción del 50 % y abre otra convocatoria"
El Correo Gallego: "Objetivo: empleo para el 40 % de los alumnos con el programa integrado"