Pestanas principais

Ames axiliza os procesos internos de contratación

Martes, 21 de abril de 2020

Dende o pasado 14 de marzo, día no que se decretou o estado de alarma, os prazos dos diferentes procedementos foron suspendidos. O Concello de Ames, coñecedor da necesidade de activación dos sectores da construción e servizos, acordou desde a primeira semana do estado de alarma, a realización de mesas de contratación de xeito telemático, de cara a poder seguir cos procedementos que se atopaban nalgunha das fases de contratación. Na actualidade estase traballando en case 40 procedementos de obras e servizos.

Ao longo deste último mes continuouse cos trámites daqueles servizos ou obras nos que os licitadores amosaron o seu consentimento á continuidade dos procedementos, co obxectivo de ir adiantando tales expedientes. O departamento de contratación traballa desde casa con teletraballo e coas ferramentas necesarias que se puxeron a disposición do persoal municipal. Na actualidade son case 40 os procedementos que están sendo xestionados polos departamentos e que, en diferentes fases do procedemento, atópanse en marcha polo Concello de Ames.

Os procedementos que foron adxudicados neste período refírense as obras de pavimentación do camiño de Castelo; o saneamento de Suevos – Sorribas; as obras de mellora da accesibilidade de Bertamiráns e do Milladoiro, do Plan Impulsa Ames; a obra de reparación e acondicionamento do campo de fútbol de Bertamiráns, financiada pola Deputación de A Coruña; e mailo servizo de redacción do proxecto e dirección facultativa da actuación de mellora da eficiencia enerxética no alumeado do rural, financiada con fondos do IDAE.

Ademais, estes días quedou fiscalizado o inicio de licitación da obra do parque verde central do Milladoiro, que iniciará o procedemento de licitación coa apertura dos prazos e que corresponde o Plan Impulsa Ames, financiado con fondos europeos. O investimento destas obras ascende ao millón de euros.

No referente aos procesos en fase de clasificación estes son tres. A mellora do viario dos interiores de Biduído, correspondente ao superávit do ano pasado; a pavimentación de accesos a Sura; e maila mellora dos viarios do núcleo de Raíces, correspondentes ao POS 2019. O importe total ascende aos 280.000 euros de licitación.

Por último, os procesos que se atopan na fase de presentación e resolución de expedientes son a pavimentación de Tarrío – Raíces; e o saneamento do núcleo de Castelo. Ambos procedementos pendentes da valoración das baixas presentadas e que ao longo destas semana serán resoltas en mesas de contratación.

No tocante ao expediente de licitación da obra dos vestiarios do campo de fútbol do Milladoiro, esta está afectada pola suspensión de prazos e deberase esperar á apertura dos mesmos para proceder a súa continuación. No tocante aos tres lotes de saneamento e abastecemento de Quintáns, Guimaráns e os pluviais en Paramuiño, séguese á espera do informe de Augas de Galicia.

A programación do departamento para as vindeiras semanas inclúe o inicio dos procedementos das obras dos accesos en Ventosa, a senda de Outeiro a Costoia e a resolución dos procedementos da senda peonil de Coira e a de Agro do Muíño, ambas pendentes de informes de titularidade de terreos.

Servizos
A licitación do servizo para o concurso de ideas de cara á construción do Centro de mocidade xa se atopa publicada na web municipal, aínda que ten os prazos suspendidos para a presentación de proxectos. Do mesmo xeito, a adxudicación da asistencia técnica para o Plan Impulsa Ames tamén quedou pendente destes prazos estando a resolución rematada, situación similar ao que acontece coa licitación do servizo de Amessan que remataba o pasado día 16.

Con respecto ao contrato do Servizo de Axuda no Fogar, chegouse ata o procedemento de clasificación e as notificacións foron realizadas quedando á espera da presentación da documentación. Nesta semana, a mesa de contratación tamén resolveu os tres contratos de subministro de gasóleo, gasolina e GLP, e comezouse a preparar o expediente de licitación doutra das liñas do Plan Impulsa Ames, como é o Plan de mobilidade con 90.000 euros de orzamento.

En preparación
Existen numerosos pregos que están a ser elaborados polos departamentos e que en breve verán a luz. Neste grupo atópase a licitación da Aula Cemit, a do subministro de impresoras e impresión, a licitación dos comedores escolares e dos programas lúdicos e escola de verán, que están na fase do estudio económico para o inicio do vindeiro curso. O servizo de xestión tributaria quedou interrompido a dous días do remate do estudio de mercado, polo que se está á espera da apertura de prazos para poder sacar o antes posible, xa que urxe a súa posta en marcha ante os cambios existentes na actualidade.

O goberno municipal cree que, ao longo deste semestre, poderase dar cumprimento a un alto porcentaxe da programación de contratación, a pesar da situación actual, e estase a traballar xa na correspondente ao do segundo semestre que terá que priorizar certas novas iniciativas a causa do Covid19, dando prioridade ás mesmas.

Igualmente, proxectos dependentes dos orzamentos, como a adxudicación do espazo de Coworking, a obra da cuberta do parque de Chavián ou o arranxo da avenida da Maia, correspondente ao acordo de transferencia de dita avenida en favor do Concello, son outros grandes investimentos que o goberno espera poder incorporar a partir do mes de maio coa aprobación definitiva do orzamento 2020.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames, Ordes y Teo retoman obras y agilizan contrataciones de proyectos"

Imaxe da Casa do Concello