Pestanas principais

Ames blinda os servizos sociais no ano máis difícil

Venres, 08 de xaneiro de 2021

Un millón e medio de euros en axudas directas e preto de 7.000 citas atendidas é o resumo do balance da actividade desenvolvida polos Servizos Sociais do Concello de Ames ao longo do ano 2020. Incrementáronse ademais as horas do Servizo de Axuda no Fogar, elevándose a máis de 50.000 as prestadas ao longo do ano. Atendéronse 60 novas demandas de RISGA, o que supuxo duplicar o computo das xa activas e acelerouse a posta en marcha do servizo de Xantar na casa, servindo unha media de 300 menús ao mes. Tamén se destinaron máis de 200.000 euros á rendas básicas e axudas de emerxencia. Ademais repartíronse menciñas e alimentos a medio milleiro de familias e púxose en marcha o servizo de cestas saudables que permitiu dar unha atención directa a 800 persoas con alimentos saudables e básicos. Tamén medraron as solicitudes no roupeiro municipal e as de asesoramento xurídico e psicolóxico.

O ano 2020 pasará á historia por ser un dos anos máis difíciles na xestión social do Concello de Ames. A situación provocada pola Covid trae consigo un esforzo extra para un servizo que o Concello de Ames blindou ao longo destes meses, dotando de máis medios económicos e dobrando o esforzo do xa de por si desbordado e escaso persoal municipal co que se conta de cara a poder afrontar o elevado número de consultas, dúbidas, atencións e solicitudes de axuda. Así, o número de solicitude de novas Risgas atendidas foron 60, que se sumaron ás 70 xa activas coas que se estaban a traballar, dobrando as solicitudes e a atención para estas axudas tan necesarias. A renda de inclusión social de Galicia é unha prestación económica, que concede a Xunta de Galicia, e que está destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles. 

50.000 horas para o servizo de Axuda no fogar 

No tocante ao servizo de Axuda no fogar, o Concello de Ames conta na actualidade co maior número de horas posibles, poñendo a disposición dos/as usuarios/as máis tempo que nunca. En decembro o número de usuarios/as superou o centenar con máis de 4.200 horas prestadas, elevándose no ano 2020 ata as 50.000 horas, o que supón unha achega económica por parte do Concello de máis do millón de euros fronte á achega que fai a Xunta que segue conxelada desde hai mais de 10 anos. 

A Covid acelerou tamén a posta en servizo do programa de Xantar na casa, que ao longo de 2020 atendeu a 14 usuarios/as con unha media de 350 menús ao mes. Na actualidade o Concello está a revisar o posible incremento do número de horas facendo uso do contrato actual, que foi licitado en 2020. Desde o Concello espérase un cambio por parte da Xunta de cara a que se faga eco da reclamación de todos os Concellos e a propia FEGAMP para que se incremente a achega da Consellería que segue a ser a mesma que hai 10 anos, producíndose un importante aumento na contía nestes últimos anos e que está a ser asumida integramente polos Concellos.

Incremento de solicitudes de Renda básica 

No tocante ás axudas de renda básica e axudas para a recuperación foron innumerables as tramitacións que se realizaron ante a situación de crise económica. O importe que o Concello destinou ao longo deste ano ascendeu ata os 200.000 euros con 34 rendas básicas e 81 para a recuperación cun importe medio de 600 euros ou 350 euros ao mes dependendo do tipo da axuda. Estas axudas de emerxencia foron posible tramitarse gracias ás xestións realizadas durante o confinamento e os cambios realizados no regulamento, así como ao feito de ter aprobadas ditas axudas municipais que posibilitaron unha atención máis temperá ás/aos usuarias/os.

Prestación de alimentos e menciñas 

A situación sanitaria tamén trouxo consigo un notable incremento de solicitude de alimentos e medicinas, repartíndose a case un centenar de veciños/as diferentes medicinas. Desde o departamento de servizos sociais, por medio da Oficina de Voluntariado, actuouse de xeito coordinado para dar unha atención inmediata ás necesidades detectadas. Así, o Concello de Ames adquiriu 12.000 quilos de alimentos para atender a medio millar de familias con fondos propios. 

A posta en marcha das cestas saudables tamén permitiu dar unha atención directa a 800 persoas con alimentos saudables e básicos. Estas accións son complementadas coas da FEAD e FOGGA que incrementaron o volume de alimentos ata os 50.000 quilos, con froita, pescado e outros produtos básicos. Nestes meses de Nadal, o Concello reforzou asemade a atención das familias co reparto de 150 lotes de nadal e 41 ceas para a Noiteboa, grazas a colaboración veciñal nas diferentes campañas postas en marcha polo departamento de Benestar Social.

A atención do roupeiro viuse incrementada con 63 demandas atendidas, ao igual que no asesoramento xurídico e psicolóxico que incrementouse exponencialmente, sobre todo nos meses de confinamento con 175 atencións realizadas de xeito presencial e máis de 350 atencións telefónicas a maiores. Ademais, o Concello tramitou as subvencións de concorrencia competitiva para as asociacións sen ánimo de lucro, repartindo 40.000 euros para o desempeño de diferentes programas sociais, e ao igual que o resto dos anos aprobáronse as axudas a familias numerosas en risco de exclusión con 110.000 euros repartidos. 

A concelleira de Bestar Social, Luisa Feijóo salienta que "desde o Goberno municipal imos a seguir incrementando o compromiso social durante o ano 2021 mediante o blindaxe destes servizos e cun incremento de orzamento para as partidas sociais, de xeito que o mesmo medre cada ano como o leva facendo durante estes 5 anos de goberno".

Ademais, agradecer “o gran esforzo que supuxo todo isto para o persoal do departamento, un persoal xa de por si desbordado e escaso para o gran número de atencións que temos e que vai en aumento. Hai que lembrar que nos últimos anos duplicouse a poboación, pero non así o persoal. Grandes persoas e profesionais que estiveron ao pé do canón dende o primeiro momento; tramitando, atendendo, poñendo en marcha diferentes campañas co obxectivo de que ninguén quedase atrás, e como non, un agradecemento enorme a toda a veciñanza que neste ano tan duro demostrou, unha vez máis, a súa solidariedade sumándose e participando coas súas doazóns nas diferentes campañas que se realizaron”. 

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Siete mil citas y un millón y medio en ayudas sociales en la capital maiana"

La Voz de Galicia: "Servizos Sociais de Ames tramitó 1,5 millones de ayudas directas en el 2020"

Oficinas do Milladoiro