Pestanas principais

Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra solicítanlle ao Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña a convocatoria dunha xuntanza para buscar unha solución ao parque comarcal de bombeiros

Mércores, 10 de febreiro de 2021

Os Concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra rexistraron hoxe unha carta na que lle solicitan ao Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña a convocatoria dunha xuntanza, o máis axiña posible, ben sexa telemática ou presencial, entre os alcaldes asinantes e os representantes do Consorcio, tanto da Xunta de Galicia como da Deputación de A Coruña, para abordar a situación actual do parque comarcal de bombeiros e coñecer a predisposición de ambos Organismos á proposta da taxa de reposición compartida.

O parque comarcal de bombeiros da área metropolitana de Santiago de Compostela é un asunto recorrente ano tras ano e, Goberno tras Goberno. Así comezaba a carta asinada polos alcaldes dos Concellos de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, que lle remitían ao Consorcio Provincial o pasado 25 de abril de 2017, hai case catro anos. Como se pode comprobar, este parque comarcal segue a ser na actualidade un asunto sen solución definitiva, a pesar dos avances realizados a principios de 2018.

En xaneiro de 2018, hai tres anos, asinábase un acordo de proposta de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago de Compostela. Nese documento recollíanse as bases para levar a cabo a solución definitiva aos problemas que esta área metropolitana tiña, e segue a ter, na cobertura dun servizo de emerxencias nas mesmas condicións que o resto de concellos de Galicia. Daquela, un dos problemas principais radicaba na denominada taxa de reposición necesaria para a contratación do persoal que se estimaba.

Iniciadas as conversas entre as partes asinantes cos responsables do Ministerio de Facenda en Madrid nada se soubo ao respecto ao longo destes tres anos e ata o día de hoxe, o cal resulta bastante desalentador e frustrante para os Concellos que requiren deste servizo de maneira urxente.

Na pasada semana, unhas declaracións por parte dos membros do Goberno municipal do Concello de Santiago evidenciaban que o avance nesta materia ao longo destes anos foi escaso. Tamén se soubo da existencia dunha nova proposta baseada nunha taxa de reposición conxunta entre os Organismos implicados, sen que a día de hoxe se coñeza nin os detalles, nin a viabilidade de dita proposta por parte do Consorcio Provincial. Pasado un tempo máis que prudente e suficiente para dar saída á problemática existente, tres anos, enténdese por parte dos Concellos implicados que non se pode prolongar máis a solución definitiva para o desbloqueo dun asunto que dura xa máis dunha década.

Por todo elo, os alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra acordaron, de xeito unánime, trasladar ao Consorcio provincial contraincendios e salvamento da Coruña un prazo de tres meses, ata o vindeiro 1 de maio, para que se resolvan os problemas existentes e se dea unha resposta definitiva á falta da cobertura existente na actualidade, sexa coa comarcalización do parque de Santiago, ou coa construción dun novo parque comarcal que preste servizo a estes concellos.

Dende a Alcaldía do Concello de Ames sinálase que "estamos no tempo de desconto e polo tanto xa non queremos máis alternativas senón solucións. Ames ten parcela para desenvolver o parque comarcal, en caso de ser necesario, e queremos que o Consorcio se pronuncie definitivamente sobre a alternativa que vai escoller".

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames, Teo, Brión, Boqueixón, Val do Dubra y Vedra urgen resolver el parque comarcal de bomberos"

El Correo Gallego: "Ames ofrece una parcela tras pedir la reunión por el parque de bomberos"

Lindeiros: "A bisbarra quere un parque de bombeiros xa"

casa do concello