[23-06-2012] Os concellos de Ames, Brión e Negreira conmemorarán o vindeiro martes, 26 de xuño, o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, cun Feirón Saudable que se celebrará na Carballeira de Santa Minia en Brión. O Feirón Saudable irase realizando cada ano nun dos tres municipios.
Durante toda a tarde, organizaranse diferentes actividades e, ademais, entregaranse os premios ás autoras dos carteis gañadores no primeiro certame de carteis Ames, Brión, Negreira-Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas. Os galardóns, dotados cun trofeo e un vale por importe de 50 euros cambiable por material escolar, foron parar a dúas alumnas de Ames e Negreira. O concurso quedou deserto en Brión, onde non se presentaron traballos. En total, presentáronse ao certame un total de 95 traballos.
O Feirón Saudable comezará ás 17,00 horas coa celebración de xogos populares e de diferentes iniciativas, como un obradoiro de pulseiras. Unha hora despois, ás 18,00, terá lugar a entrega de premios aos galardoados. Trátase de Nerea Montes Pérez, de 15 anos e que cursa terceiro da ESO no IES de Ames. O seu cartel leva como lema 'Drogas, que non te controlen'. O outro galardón recaeu en Uxía Pérez Ponte, unha alumna de primeiro da ESO do IES Xulián de Magariños de Negreira. A rapaza, de 13 anos de idade, presentou un cartel co lema 'Saír é difícil, non entres'.
Tras a entrega de premios, o Feirón continuará na Carballeira de Santa Minia con máis actividades destinadas aos mozos e mozas. O obxectivo é sensibilizalos sobre o problema mundial da droga.
Invitámosvos a tod@s a conmemorar o 26 de xuño!. É unha ocasión única de tomar acción contra un problema que nos afecta a tod@s. Contamos contigo no Feirón Saudable que este ano se organizará con tal motivo en Brión.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Un Feirón Saudable contra las drogas"
La Voz de Galicia: "Los municipios de Ames, Negreira y Brión celebran mañana el Feirón Saudable"