Pestanas principais

Ames, Brión e Padrón presentan en Fitur a nova ruta “As pegadas de Rosalía”

Venres, 19 de xaneiro de 2018

[19-01-2018] Esta mañá os alcaldes de Ames, José Miñones, Brión, José Luis García, e Padrón, Antonio Fernández Angueira, xunto coa Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro de Padrón, Anxo Angueira, presentaron en Madrid, na Feira Internacional de Turismo (Fitur), un proxecto conxunto dunha Ruta Rosaliana denominado "As pegadas de Rosalía". Trátase dun itinerario cultural que toma como referencia a ruta deseñada polo intelectual Avelino Abuín de Tembra. Está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o folleto e o mapa da devandita ruta.


Material promocional da ruta
As pegadas de Rosalía é un novo produto turístico e cultural que responde ás actuais demandas das viaxeiras e viaxeiros, como son a busca de inmersión en destino, o respecto á identidade do territorio, o contacto coa poboación local ou a protección do medio ambiente, entre outras. Para a difusión e promoción desta nova ruta creouse diferente material promocional (chapas, folletos informativos, mapas da ruta, mochilas, cartelería, etc) e un entorno web que recolle toda a información desta iniciativa.

Asemade, os rexedores dos tres concellos implicados nesta iniciativa agradecen a colaboración prestada durante o proceso de creación da ruta As pegadas de Rosalía por parte de Xosé Vizoso, autor do deseño da portada do material promocional, e por parte do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, que tamén asistiu á presentación, pola cesión de imaxes e o material documental empregado.

O stand de Galicia en Fitur foi o escenario escollido para facer esta mañá a presentación oficial da nova ruta As pegadas de Rosalía, posta en marcha entre os Concellos de Ames, Brión e Padrón. A presentación deste novo produto turístico e cultural tivo moi boa acollida e contou con numeroso público. Entre os asistentes atopábanse varios alcaldes doutos concellos galegos e autoridades da Xunta de Galicia que estes días están en Madrid asistindo á Feira Internacional de Turismo.

A través desta iniciativa preténdese, en primeiro lugar, achegar a vida de Rosalía de Castro a toda a poboación, e ademais, desenvolver un itinerario cultural a partir dunha ruta xa existente deseñada polo intelectual dodrense Avelino Abuín de Tembra e que une os concellos de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro. Dito itinerario está concibido para que as usuarias e usuarios poidan percorrelo en autobús, a pé ou en bicicleta e pasa por lugares como San Xoán de Ortoño (Ames), a igrexa de Bastavales (Brión), a colexiata de Iria Flavia (Padrón), o Pazo de Arretén (Padrón) e a Casa de Rosalía de Castro (Padrón).

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “a presentación feita hoxe na Feira Internacional de Turismo, que se está celebrando en Madrid, está dirixida fundamentalmente aos profesionais do sector turístico. O principal obxectivo é intentar dar a coñecer esta nova ruta, para que as compañías que, posteriormente, van a promocionar o turismo de Galicia, a coñezan e a vendan xunto aos diferentes Camiños de Santiago existentes e a outras rutas que xa existían con anterioridade”.

O alcalde de Brión, José Luis García, incidiu en que “queremos aproveitar o interese e a capacidade de atracción que xera a figura de Rosalía e, con esa xustificación, ofrecerlle ao visitante unha completa oferta turística. Porque Brión é máis que as campás de Bastavales, tamén é historia como as Torres de Altamira, lendas como o Castro Lupario, e ata lugar de descanso para os fans do turismo termal”.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, explicou que para a posta en valor desta ruta os concellos involucrados “non tivemos que inventar nada, senón que nos limitamos a pór en valor unha parte fundamental da nosa historia recente e aqueles lugares que formaron parte do escenario vital de Rosalía de Castro”. Ademais, amosouse convencido do interese que espertará esta nova ruta porque “Rosalía, como muller poliédrica que era, continúa a ser un referente na sociedade actual pola súa herdanza literaria, intelectual, humanística, feminista, identitaria e galeguista”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Padrón, Ames y Brión convierten los escenarios vitales de Rosalía en una ruta"
La Voz de Galicia: "Padrón, Ames y Brión convierten en ruta turística los escenarios de la vida de Rosalía de Castro"