A Concellería de Cultura do Concello de Ames organiza a quinta edición de Cinema Miúdo, un festival internacional dirixido a público infantil que se celebra esta fin de semana nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e que este ano ten como eixo temático o coidado do medio ambiente. Ata o de agora xa se retiraron 500 entradas. As entradas poden adquirirse nas billeteiras dos centros culturais ou na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
O festival internacional de cine infantil de Ames, Cinema Miúdo, comezou este xoves 24 de novembro. Durante o xoves e a mañá do venres pasarán 770 rapaces e rapazas dos colexios de Ames polos auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Para o público en xeral o festival comeza o venres pola tarde coa gala de inauguración, que estará presentada por Globotolo, que tamén ofrecerá un descacharrante e único espectáculo que combina clown con globos xigantes e que conta a historia do crecemento das árbores e o seu sangue.
O prato forte do certame é a súa Sección oficial, formada por 34 curtametraxes divididas en seis bloques. Tres dos bloques corresponden a categoría Axóuxeres, para cativada de entre 2 e 7 anos e outros tres son da categoría Buxainas, para nenos e nenas de a partir de 7 anos. As sesións de Buxainas e Axóuxeres proxéctanse desde a tarde do venres ata a mañá do domingo e despois de cada unha delas os e as pequenos e pequenas asistentes poderán votar a súa curta favorita converténdose no xurado que outorgará o premio do público en ambas categorías.
Fóra de concurso, proxectaranse traballos da produtora galega Abano Producións, pioneira na creación de historias por animación. As curtametraxes A flor máis grande do mundo, O soldadiño de chumbo e O xigante poderán verse o venres na Casa da Cultura de Bertamiráns. Tamén se proxectará unha escolma das mellores curtametraxes para todos os públicos que pasaron por Cinanima Junior, o maior festival de animación da península, que se celebra en Espinho. Será o domingo pola tarde no Milladoiro.
A bailar cos videoclips!
Un dos momentos máis musicais vivirase coa sesión A bailar cos videoclips! que proxectará os mellores traballos de músicos galegos producido recentemente. Nesta sesión pequenos, pequenas e maiores poden esquecer as súas cadeiras e deixarse levar polo pulso da música de artistas como Uxía Lambona e a Banda Molona, A Gramola Gominola ou Paco Nogueiras.
Por último, o domingo ás 18:30 celebrarse unha gala de clausura na que se descubrirán cales son as mellores curtametraxes desta quinta edición, segundo o criterio do público miúdo e do xurado profesional, composto por Miguel Anxo Alonso Diz, Isabel Rey e Paulo Mosca. Como mestre de cerimonia exercerá Peter Punk, que intercalará as curtametraxes premiadas con números circenses e cómicos.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace da Concellaría de Cultura do Concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo, ao proxectar curtametraxes dos cinco continentes.
Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Proxeccións para a rapazada toda a fin de semana con Cinema Miúdo"