Pestanas principais

Ames celebra este mércores no Milladoiro o Día de Rosalía de Castro

Martes, 23 de febreiro de 2016

[23-02-2016] O Concello de Ames organizou para este mércores, 24 de febreiro, ás 20:00 horas, un acto no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, no que se conmemorará o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A entrada a este acto é gratuíta e está aberto a toda a cidadanía amesá. Baixo o lema "Ames con Rosalía" organizáronse unha serie de actividades, que comezaron a semana pasada coa colocación dunha pancarta na Casa do Concello, na que se pode ler os versos "No sembrante a alegría, no corazón o esforzo". As actividades continúan durante esta semana coa colocación de poemas rosalianos nos escaparates dos establecementos comerciais amesáns e coa celebración mañá dun acto literario-musical no Milladoiro. A programación rematará cunha excursión, que terá lugar o sábado 27 de febreiro, a distintos lugares da Ruta Rosaliana.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, animou a toda a veciñanza amesá “a participar no acto literario-musical que terá lugar mañá, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A través desta programación, preparada especificamente para celebrar o Día de Rosalía, pretendemos difundir o pensamento rosaliano e recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos".

“As actividades coordináronse para ofrecer un programa variado no que poida participar toda a cidadanía, pero con especial atención á poboación máis nova que será, ademais, unha das grandes protagonistas do acto de mañá e da programación especial que Ames Radio lle está dedicando a Rosalía durante toda esta semana”, destaca Isabel Vaquero.

Acto central do Día de Rosalía de Castro
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este mércores, 24 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía, os actos de homenaxe á escritora. A entrada ao acto literario-musical será libre e completamente gratuíta. Arrincará coa presentación da Declaración institucional da Corporación Municipal do Concello de Ames, na que se declarará publicamente o compromiso da corporación municipal de continuar coa conmemoración desta data. Este acto estará conducido e presentado pola xornalista de Ames Radio, Nazaret López.

Os poemas de Rosalía estarán moi presentes neste evento xa que dous persoeiros sobranceiros de Ames como son o escritor, Maximino Viaño, nomeado recentemente cronista oficial do Concello de Ames, e a profesora, crítica literaria e membro da Fundación Rosalía, Dolores Vilavedra, lerán varios versos da escritora galega. Ademais, os alumnos e alumnas dos centros de ensino público de Ames, varios integrantes do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro e os participantes no obradoiro municipal de lingua e cultura galega colaborarán nesta iniciativa coa lectura de textos e poemas escritos por Rosalía de Castro.

Entre as distintas lecturas que se irán realizando haberá varias actuacións musicais a cargo da artista Xiana Lastra, que estará acompañada ao piano por Adrián Saavedra, colaboradora no disco "A miña primeira Rosalía", e do "irreverentísimo" cantautor punk O Leo i Arramecághona, quen participou no proxecto conxunto "150 cantares para Rosalía de Castro", libro dixital editado en 2015.

Poemas de Rosalía nos establecementos comerciais
Por outra banda, este ano como novidade implicouse ao sector comercial de Ames na semana de Rosalía. Deste xeito, o Concello repartiu carteis coa imaxe, cedida por Rei Zentolo, e con versos da escritora galega entre preto de 450 establecementos comerciais amesáns. Dolores Vilavedra, estudosa da obra e vida da escritora e membro da Fundación Rosalía, foi a encargada de compoñer a escolma de versos que salpicará o rueiro amesán.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explica que “se trata dunha forma de difundir e darlle visibilidade á obra rosaliana. Ao mesmo tempo achégaselle ao público fragmentos dos poemas de Rosalía de Castro. Os carteis cos textos e a imaxe de Rosalía manteranse en comercios, restaurantes e bares ao longo de todo o mes de febreiro”.

Excursión poética pola Ruta Rosaliana
A programación concluirá cunha excursión en autobús, con saída este sábado 27 de febreiro, ás 10:00 horas, dende O Milladoiro e ás 10:15h de Bertamiráns, e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana. O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza este venres 25 de febreiro. Pódese reservar praza chamando aos teléfonos 981 535 940 ou 662 377 215. O prezo da excursión é de 1,5 euros, que é custo que ten a entrada á Casa-Museo de Rosalía.

Por último, cómpre destacar que Ames Radio contribuirá á celebración desta data ao longo de toda esta semana emitindo unha programación dedicada especialmente á figura de Rosalía de Castro. Na radio municipal realizarán lecturas da obra rosaliana máis de 50 veciños e veciñas do municipio. Ademais, escritores e escritoras do talle de Manolo Portas, Carlos Negro, Inma López Silva, Séchu Sende, Rafa Vilar e María López Sande falarán nas ondas do que significou para eles e elas o poñerse en contacto coa figura de Rosalía e a importancia que ten a súa figura na literatura e na historia galega. Tamén serán entrevistados Armando Requeixo, premio nacional da crítica, e a profesora Dolores Vilavedra.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ofrendas, poemas y charlas por el aniversario de Rosalía"
El Correo Gallego: "Rosalía de Castro convida ó seu 179 aniversario hoxe no auditorio do Milladoiro"