Pestanas principais

Ames celebra este mércores un concerto de Nadal de cámara, da man da asociación Peregrinos Musicales

Luns, 19 de decembro de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este mércores, 21 de decembro, un concerto de Nadal de música de cámara. O recital, promovido pola concellaría de Cultura do Concello de Ames e pola asociación Peregrinos Musicales, terá lugar ás 20:00 horas. Os convites son de balde e xa se poden retirar na Billeteira electrónica

O programa de actividades do Nadal 2022 en Ames inclúe este espectáculo, organizado polo departamento de Cultura. Trátase do tradicional concerto dos Peregrinos Musicales, que contará coa participación do cuarteto de corda formado por Sergey e Alexander Arutyunyan, que tocan o violín, Bruno Miguel Pinheiro, ao violoncello, e Larissa Shomina, á viola e ao clavecín.

O programa, que ten unha duración aproximada dunha hora, contará con obras de grandes compositores como Haendel, Vivaldi, Paganini, Milsten, Bach, Mozart e Torelli, así como con diversas pezas de Nadal. As entradas xa se poden descargar de maneira gratuíta na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Ademais, o cuarteto achegarase tamén á Escola Municipal de Música de Ames, onde o alumnado terá a oportunidade de compartir unha xornada cos músicos, que partillarán as súas experiencias e introducirán aos asistentes un instrumento singular, o clavecín.

Asociación Peregrinos Musicales
A asociación Peregrinos Musicales foi creada no ano 2011 pola pianista Ilona Timchenko, e ten ampla experiencia realizando eventos nos que a música de cámara é a protagonista, como o Festival Internacional Peregrinos Musicales.

Os músicos que participarán no concerto tamén contan cunha gran traxectoria ás súas costas. Sergey Arutyunyan é violinista e descendente la prestixiosa escola de corda de San Petersburgo. Naceu no seo dunha familia de músicos e comezou seus estudos de violín a unha idade moi temperá. Na actualidade, exerce como profesor de violín na Escola Profissional de Música de Viana do Castelo (EPMVC) e no Instituto Piaget, en Viseu.

Larissa Shomina comezou cos seus estudos musicais na Escola de Música de Kharkov. En 1987 acabou o Mestrado en Artes no Conservatorio Superior Estatal Rimsky-Korsakov, e foi membro da Orquestra da Cámara "Clássica" de San Petersburgo, ca que realizou concertos por toda a Unión Soviética, nos Estados Unidos e Europa. Ademais, exerce como profesora de violín na EPMVC.

Pola súa banda, Alexander Arutyunyan estudou na Academia de Música de Viana do Castelo. É un novo talento da música, e xa foi condecorado con numerosos premios internacionais.

Finalmente, Bruno Pinheiro iniciou os seus estudos de violoncello na Escola Profesional de Música de Viana do Castelo. Xa en 2011, ingresou na Escola Superior de Música e Artes de Espectáculo, e actualmente imparte clases na Academia de Música de Viana do Castelo e na Escola Profissional e Artística do Alto Minho.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Concierto navideño y masterclass con los Peregrinos Musicales el 21"

La Voz de Galicia: "Peregrinos Musicales desembarca en O Milladoiro con su concierto de Nadal"

O concerto terá lugar este mércores, ás 20:00 horas

Multimedia

  • Ames celebra este mércores un concerto de Nadal de cámara, da man da asociación Peregrinos Musicales