Pestanas principais

Ames celebra este venres, 23 de abril, o Día do Libro no Pazo da Peregrina

Xoves, 22 de abril de 2021

O 23 de abril celébrase o Día do Libro. Con este motivo, as bibliotecas municipais do Concello de Ames veñen de organizar durante todo o mes de abril diferentes actividades. O propio Día do Libro, os eventos terán lugar no Pazo da Peregrina. Comezarase ás 17.00 horas con contacontos infantís, continuarase con obradoiros e rematarase coa entrega de premios do concurso de debuxo organizado polas bibliotecas municipais. Ademais, ás 19.00 horas, celebrarase unha actuación musical infantil, “Soñando inventei”, a cargo de María Faltri e Jorge Juncal. Trátase dun espectáculo no que a través de cancións se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero. Por último, o xoves 29 de abril, ás 19.00 horas, presentarase, tamén no Pazo da Peregrina, o libro que recolle os textos gañadores do certame literario do Concello de Ames de 2020.

O Día Internacional do Libro, o 23 de abril, foi instaurado pola Unesco en 1988 aproveitando as datas do pasamento de autores tan importantes como William Shakespeare e Miguel de Cervantes. Esta data homenaxea os libros e os e as autoras e fomenta o acceso á lectura para o maior número posíbel de persoas. Tal e como di a Unesco, o libro representa unha das mellores invencións para compartir ideas e encarna un instrumento eficaz para loitar contra a pobreza e construír a paz.

O Concello de Ames vén de celebrar o mes do libro durante as semanas de abril. Durante este días, os veciños e veciñas puideron desfrutar de actividades, obradoiros e presentacións de libros ademais de participar nun sorteo. Para este venres, 23 de abril, as bibliotecas municipais teñen organizadas unha serie de actividades durante toda a xornada. Comezarán ás 17.00 horas cun contacontos narrado por Bea Campos para gozar en familia con xogos, albumes ilustrados e personaxes clásicos que sairán dos contos para interactuar cos nenos. Algúns dos contos cos que traballará a narradora será “Andando polo camiño” e “Chibos chibóns”.

Actuación musical Soñando inventei
Desde as 18.00 horas a veciñanza poderá participar nos obradoiros de elaboración de flores de papel e marcapáxinas, e a continuación, ás 19.00 horas, dará comezo a actuación musical "Soñando inventei" con María Faltri e Jorge Juncal, un espectáculo musical no que a través da escolla de cancións se traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero.

As cancións que se interpretan forman parte do libro disco “Fantasía coas palabras” publicado pola editorial Galaxia. Con esta aventura emprenderase unha viaxe emocional ao centro dos soños, unha proposta onírica e valente que mestura música e poesía para nos falar de personaxes femininas que soñan con sentirse en paz e liberar os seus segredos, personaxes que non queren ser xulgadas polo seu aspecto ou identidade, libres para ser elas mesmas e chegar a tocar a lúa.

Obradoiro Autores con pegada
O sábado 24 de abril realizarase, na biblioteca de Bertamiráns, o obradoiro "Autores con pegada" ás 11.30 horas. Está dirixido a nenos e nenas de 3º a 6º de Educación Primaria. O prazo de inscrición está aberto dende o 12 ata hoxe 22 de abril. Para inscribirse débese chamar ao número de teléfono 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro), ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal.

Por último, o xoves 29 de abril, ás 19.00 horas, presentarase, tamén no Pazo da Peregrina, o libro que recolle os textos gañadores do certame literario do Concello de Ames de 2020.

Solta de libros
Por outra banda, con motivo do Día do Libro a entidade Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) realiza unha solta de libros este venres, 23 de abril, de 11.00 a 20.00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns. Nesta iniciativa colabora o Concello de Ames.

Día do Libro.

Multimedia

  • Día do Libro.
  • Soñando inventei.
  • Abril, mes do libro.