Pestanas principais

Ames celebra o 20º aniversario do filme “O bosque animado” cunha serie de actividades no Milladoiro

Mércores, 18 de maio de 2022

O Concello de Ames conmemora dende este martes 24 de maio o vixésimo aniversario da estrea en galego da película de animación realizada pola produtora coruñesa Dygra Films, “O bosque animado”, a primeira longametraxe de animación integramente en 3D producida fóra dos Estados Unidos e en galego. Neste senso, o martes celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro un coloquio sobre a creación de películas de animación, para o alumnado da ESO dos IES de Ames; proxectarase o filme de balde, ás 18:00 horas; e inaugurarase a exposición interactiva, ás 20:00 horas, que poderá visitarse no centro sociocultural ata o 6 de xuño.

Estreada en 2001 e dobrada ao galego un ano despois, “O bosque animado” gañou dous premios Goya e foi a película española pioneira en ser preseleccionada para o premio Óscar á Mellor longametraxe de animación. Ademais, foi a primeira película producida integramente en 3D en Europa e realizada pola produtora coruñesa Dygra Films ao longo de catro anos, cun orzamento de 550 millóns de pesetas.

Esta longametraxe de animación foi un fito tanto para o audiovisual galego como para a normalización lingüística do país, debido á gran repercusión da película como á súa pronta dobraxe ao galego. Ao longo da produción, feita na súa totalidade na Coruña, foi necesario innovar en moitos ámbitos e formar ao equipo técnico, por mor da escaseza de profesionais formados en Galicia e practicamente en Europa no ámbito do 3D.

Co fin de conmemorar a estrea da película, o Concello de Ames coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverá dende o martes 24 de maio, unha serie de actividades de balde na Casa da Cultura do Milladoiro. Ese día, ás 12:30 horas, abrirase a xornada co obradoiro "Así se fai unha película de animación", para o alumnado da ESO dos IES de Ames, no que se falará do proceso de creación deste tipo de filmes.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas terá lugar a proxección de “O bosque animado”, á que asistirá o director da película, Manolo Gómez. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. Deseguido, ás 20:00 horas, inaugurarase a exposición interactiva sobre o filme, "XX anos de O bosque animado", que xa percorreu España, Portugal e Francia. A mostra permanecerá na Casa da Cultura do Milladoiro ata o 6 de xuño, e será de acceso libre para todos os públicos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Milladoiro se vuelca con la joya de los dibujos gallegos: ‘O bosque animado'"

Ames celebra o 20º aniversario do filme “O bosque animado” cunha serie de actividades no Milladoiro

Multimedia

  • Ames celebra o 20º aniversario do filme “O bosque animado” cunha serie de actividades no Milladoiro
  • Ames celebra o 20º aniversario do filme “O bosque animado” cunha serie de actividades no Milladoiro