Pestanas principais

Ames celebra o sábado, 23 de novembro, a gala dos Premios Galetiktokers 2024

Venres, 22 de novembro de 2024

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este sábado, 23 de novembro, ás 19:00 horas, a gala de entrega de premios do V Certame Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e de Normalización Lingüística do Concello de Ames, que se realiza por quinto ano consecutivo e que ten como obxectivo fomentar a creatividade da rapazada e animar a creación de vídeos en galego a través das redes sociais e das novas canles de comunicación. Nesta quinta edición presentáronse 39 vídeos, realizados por arredor de 80 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @konachadas e @rodrimiguez97 , e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu. A gala é aberta ao público e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo: galetiktokers24@gmail.com.  

Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha o Certame Galetiktokers. Esta iniciativa pretende estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.

Entre as 39 pezas audiovisuais, presentadas por arredor de 80 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, repartiranse seis premios de 300€, que suman un total de 1.800 euros. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 10 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos de 18 a 35 anos) hai 29 vídeos admitidos. Nesta edición participou alumnado de centros de ensino de Bertamiráns, Lugo e Vilagarcía de Arousa, entre outras localidades.

Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.  Para seleccionar os vídeos gañadores, o xurado tivo en conta o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, e valoraron aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.

Nesta quinta edición o xurado estivo composto polos creadores de contido en redes Nuria Grandío López (@konachadas) e Rodrigo Míguez Novoa (@rodrimiguez97) xunto coa especialista en comunicación audiovisual Noelia Francisco Lens.

Gala de entrega de premios
Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará este sábado, 23 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, Nuria Grandío López, @konachadas, e Rodrigo Míguez Novoa, @rodrimiguez97, e amenizado polo rapeiro amesán Big Meu.

A gala estará aberta ao público ata completar capacidade e para reservar praza cómpre confirmar asistencia enviando un correo electrónico ao enderezo galetiktokers24@gmail.com.

Ames celebra o sábado, 23 de novembro, a gala dos Premios Galetiktokers 2024

Multimedia

  • Ames celebra o sábado, 23 de novembro, a gala dos Premios Galetiktokers 2024