[08-10-2011] O próximo 15 de outubro a contorna da Praza de Chavián en Bertarmiráns acollerá a VIII Festa da Mocidade. Todas aquelas persoas que se acheguen á festa poderán gozar de actividades como obradoiros de bixutaría de reciclaxe, exhibición de breakdance, paintball, torneos de fútbol e baloncesto, inchables, xincanas atléticas e un concerto do grupo Biribirlocke. A festa comezará ás catro e media da tarde do sábado día 15 de outubro e rematará co concerto arredor das dez da noite. A Concellería de Xuventude conseguiu este ano “ter unha festa adaptada a todos os públicos e con numerosas actividades aforrando un 80% do que se gastou o ano pasado”, segundo explicou a concelleira María González. Na edición anterior a festa supuxera un gasto para o Concello de 14.580 euros, e este ano a festa custará 2.400 euros.
A festa comezará ás catro e media da tarde coas actividades de inchables e de paintball, que durarán toda a tarde, nas horas centrais da mesma haberá un obradoiro de bixutaría de reciclaxe e outro de pintado de camisetas, torneos de fútbol e baloncesto 3X3, unha exhibición de breackdance e ás nove dará un concerto o grupo Biribirlocke. Para participar nas competicións deportivas e no paintball será preciso formalizar unha inscripción durante a festa; no caso da actividade de paintball só poderán participar rapaces e rapazas maiores de 14 anos e haberá un cupo inicial de 50 prazas. Ao longo da tarde, o club de atletismo Millarraio ofrecerá actividades de diversa índoles para practicar deporte. Tamén haberá un posto de "Quérote" (programa da Xunta de Galicia sobre información afecto-sexual) e coa campaña "Libre" sobre os efectos nocivos do consumo de alcohol.
Todo está preparado para que sexa unha tarde especial e cargada de diversión na que os mozos e mozas poidan participar en numerosas actividades. Agárdase que esta sétima edición da Festa da Mocidade acade éxito de participación grazas ás variadas actividades pensadas para os gustos da xente nova. A concelleira de Xuventude, María González, convida "a todos e todas os que o desexen a achegarse o sábado día 15 a pasar unha tarde agradable e divertida á Praza de Chavián, en Bertamiráns, e participar na VIII edición da Festa da Mocidade".
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames celebra o vindeiro 15 de outubro a VIII Festa da Mocidade"
La Voz de Galicia: "Ames tendrá Festa da Mocidade pero con un 80 % menos de gasto"