Pestanas principais

Ames celebrará esta fin de semana un magosto e unhas xornadas micolóxicas compostas por unha charla e unha saída para recoller cogomelos

Mércores, 07 de novembro de 2012

[07-11-2012] Os cogomelos e as castañas serán os produtos estrela da novidosa programación de actividades deseñada polo Concello de Ames para celebrar o Magosto. Co obxectivo de realizar unha aproximación ao mundo da micoloxía, está prevista a realización este venres dunha charla-coloquio na Aula da Natureza. Na xornada do sábado, levarase a cabo pola mañá unha saída micolóxica e pola tarde un magosto na praza de Chavián, en Bertamiráns. Estas actividades terán continuación o vindeiro fin de semana, cun obradoiro de cociña o sábado 17 de novembro no que se elaborarán tres pratos diferentes con produtos galegos nos que se incluíran diferentes cogomelos. Na imaxe que está nesta nova podes ver un mapa con explicacións para chegar a Aula da Natureza. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter este mapa en PDF.


A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, destaca que se trata “dunha programación novidosa, pensada especialmente para que os veciños e veciñas de Ames poidan gozar destes produtos típicos do outono”. A concelleira anima aos cidadáns amienses a participar destas actividades, “que permitirán coñecer máis de preto o mundo da micoloxía, gozando da natureza do noso Concello e dunha tarde de castañas e magosto”.

A charla-coloquio sobre a iniciación aos cogomelos celebrarase o venres ás 19:30 horas. Esta actividade, que se desenvolverá na Aula da Natureza e para a que xa hai 43 persoas inscritas, será impartida por Xaime González Ortega, profesor de secundaria e gran coñecedor do mundo dos cogomelos. Neste obradoiro impartiranse nocións sobre o que é un fungo; para coñecer o mundo dos fungos e diferenciar os distintos xéneros de cogomelos que existen; así como para saber os diversos usos que teñen tanto na alimentación como noutros eidos. Tamén se coñecerán as súas características morfolóxicas e se son comestibles ou tóxicos. Abordaranse aquelas especies que son consideradas máis significativas dentro dos cogomelos que se poden ver nos montes galegos.

Trala parte teórica o sábado pola mañá pasarase a acción. Deste xeito, desenvolverase unha saída micolóxica por distintas zonas da localidade de Bertamiráns. Polo momento, hai 50 persoas inscritas para gozar desta saída. Faranse varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona en concreto. Os participantes terán acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Esta saída comezará arredor das 10:30 horas e terá unha duración aproximada de tres horas. Estableceuse como punto de saída a praza do Concello, en Bertamiráns. Para esta actividade non hai un límite de prazas. Xa pola tarde farase unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto.

Para o sábado 17 de novembro, ás 17:00 horas, está previsto o obradoiro de cociña de cogomelos. Un cociñeiro elaborará tres sinxelos pratos nos que empregará produtos típicos galegos. Estas receitas incluirán cogomelos. Ademais, o cociñeiro resolveralle todos as dúbidas que teñan os participantes tanto sobre a preparación destes pratos coma sobre a utilización de outros cogomelos que tamén se poden cociñar. Por último, ofrecerá unha serie de recomendacións para que os participantes saiban que pratos poden incluír os cogomelos como complemento. Para este obradoiro tamén se ofertan un total de 40 prazas. Todas estas actividades están abertas a todos os públicos.

Para ampliar calquera outra información sobre estas actividades poden poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do correo electrónico auladanatureza@concellodeames.org e do número de teléfono 660 004 665 ou coa Concellaría de Medio Ambiente enviando un correo electrónico á dirección medioambiente@concellodeames.org e do número de teléfono 662 377 544.

Festa do Magosto
Ademais do cogomelo a outra protagonista da Exaltación de produtos de Outono será a castaña. Deste xeito, o sábado 10 de novembro, a praza de Chavián de Bertamiráns acollerá a celebración do Magosto. Nesta festa estarán expostos os cogomelos que previamente se recolleron na saída micolóxica. A veciñanza amiense poderá vivir unha tarde chea de música tradicional, xogos populares, castañas, bolos preñados e, como non, moita festa. Desde xogos para os máis pequenos a música para os máis maiores, ninguén quedará sen divertirse. O Magosto estará amenizado polas charangas Oito nun piso e Follas Novas. A partir das 18:00 horas farase o reparto de castañas e bolos preñados. Para obter máis información sobre estas actividades poden chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico a cultura@concellodeames.org.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames celebrará este fin de semana unas jornadas micológicas y un magosto"