Pestanas principais

Ames cítase co jazz este venres no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Xoves, 01 de xullo de 2021

A cuarta edición do Festival de Jazz celebrarase na noite do próximo venres 2 de xullo no Pazo da Peregrina ás 22.30 horas. As 200 persoas que asistan poderán desfrutar dos concertos de Xan Campos co espectáculo "Realismo" e David Regueiro Trío, con "Areal". Para asistir, débese retirar os convites de balde a través da billeteira do Concello.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a apostar, por cuarto ano consecutivo, polo jazz. Nesta ocasión, os artistas dos que desfrutarán a veciñanza de Ames serán Xan Campos e David Regueiro.

Xan Campos, un dos músicos referentes do Jazz galego, presentará o seu último disco “Realismo” quen, xunto co seu trío, levan traballando máis de 15 anos. Trátase, ademais, dun dos pianistas máis activo na Península Ibérica, tanto á fronte dos seus proxectos como no papel de Sideman de destacados artistas da escena do Jazz español e portugués.

Antes deles, actuarán David Regueiro Trío que vén da tradición do Gypsy Jazz, do Jazz europeo, e que ven tocando o seu disco “Areal” que son composicións orixinais. Este artista recibe clases dalgúns dos músicos con máis traxectoria a nivel internacional, cunha ducia de discos editados e con centos de actuacións por diferentes países.

4 anos escoitando Jazz en Ames
Esta iniciativa vense desenvolvendo no Concello de Ames dende o ano 2018, cando se inaugurou con grupos locais os grupos locais, Sumrrá e Pablo Castaño Quartet. No ano 2019 actuaron Mónica de Nut e Virxilio da Silva, por unha banda, e Xacobe Martínez Antelo Trío por outra. Na última edición, no 2020, citouse a Manuel Gutiérrez e ao grupo Os Bregadiers.

Ames Jazz

Multimedia

  • Ames Jazz