- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de aboar o pagamento dunha axuda de 2.000 euros, que se enmarca no convenio subscrito coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga. Trátase dun programa de acollida temporal para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “Ames é un concello solidario tal e como se constata en numerosas iniciativas e programas que se poñen en marcha dende a Administración local. Neste caso no pasado mes de novembro asinamos un convenio coa entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga. Dita colaboración plásmase na concesión dunha axuda de 2.000 euros para propiciar unha estadía temporal segura e enriquecedora en Galicia, para mulleres que defenden os dereitos humanos en países con presenza da cooperación galega”.
Previamente á sinatura do convenio, no pleno ordinario do pasado mes de setembro aprobouse a cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. Deste xeito, introduciuse unha nova liña de axudas na area de Servizos Sociais e Promoción Social, trala aprobación definitiva da modificación das bases de execución do orzamento do exercicio 2024, para incluír esta subvención nominativa á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa Galicia Abriga.
O programa consta dun acompañamento personalizado a ditas mulleres, para promover melloras no seu estado emocional e de saúde, para impulsar novas aprendizaxes e ferramentas para o seu activismo e artellar redes e estratexias de protección a nivel internacional.
Obxectivos de Galicia Abriga
Galicia Abriga naceu co obxectivo de garantir un espazo seguro a mulleres defensoras de dereitos humanos pertencentes a organizacións e movementos sociais de países nos que a cooperación galega ten presenza, que ven ameazada a súa vida ou integridade física e psicolóxica, con motivo do seu labor, contribuíndo a que saían do contexto de risco no que se encontran, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar.
Á súa vez, tamén se crean espazos nos que se difunde a axenda de defensa de dereitos das súas comunidades, organizacións ou movementos sociais, así como de denuncia das violacións de dereitos humanos das que fora obxecto e de aproximación ao contexto do país.
Galicia Abriga non é un programa de asilo, refuxio ou exilio. É un programa de acollida temporal para que, durante tres meses, mulleres defensoras de dereitos humanos poidan saír da contorna na que realizan o seu traballo de defensoría, descansar e fortalecerse, tanto elas mesmas como as súas organizacións, para que, á volta ao seu país, estean en mellores condicións de desenvolver o seu activismo. Non está, polo tanto, deseñador para proporcionar a saída inmediata de persoas defensoras dun entorno grave ou de inminente risco.