Pestanas principais

Ames comeza o 2018 con preto de 31.500 habitantes censados no padrón municipal

Sábado, 06 de xaneiro de 2018

[06-01-2018] Un ano máis os índices de poboación de Ames continúan subindo e o municipio amesán comeza este 2018 con 31.476 habitantes censados (15.119 homes e 16.357 mulleres), tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal a día de hoxe. En febreiro de 2017 Ames contaba con 31.173 habitantes, o que implica que en once meses sumou 303 persoas máis no seu censo. Dende comezo de 2016 o incremento no censo foi de 712 habitantes. Ademais, en 2017 houbo 283 altas por nacemento e 129 baixas por defunción.

O concello de Ames segue a sumar habitantes un ano máis e xa se consolida como un municipio con máis de 30.000 veciños/as. Segundo os datos que manexa o departamento do padrón municipal a comezos de 2018 hai censados en Ames 31.476 habitantes, dos que unha gran maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello. No apartado de altas cómpre destacar que houbo 1.680 persoas (806 homes e 874 mulleres) que se incorporaron ao censo por cambio de residencia, houbo 283 altas por nacemento (162 nenos e 121 nenas) e 20 altas por omisión (8 homes e 12 mulleres).

Por outra banda, houbo 1.188 (570 homes e 618 mulleres) baixas por cambio de residencia, 129 baixas por defunción (73 homes e 56 mulleres), 193 baixas por inclusión indebida – oficio (113 homes e 80 mulleres) e 11 baixas por caducidade de inscrición (ENCSARP). En total rexistráronse 1.521 baixas. Ademais, contabilizáronse 1.045 modificacións por cambio de domicilio (506 homes e 545 mulleres), 337 modificacións por datos persoais (162 homes e 175 mulleres), 68 modificacións por datos territoriais (33 homes e 25 mulleres), 56 modificacións por renovación (23 homes e 33 mulleres) e 42 modificacións por confirmación (18 homes e 24 mulleres). En total houbo 1.548 modificacións.

O alcalde, José Miñones, explica que “Ames segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia. Durante o último ano incrementouse o censo en máis de 300 persoas e se temos en conta os dous últimos anos houbo un incremento de máis de 700 habitantes. Estes números tan positivos son o resultado das políticas de conciliación que queremos potenciar e o feito de que en Ames se conte cuns servizos de calidade. Ademais, Ames conta cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente. Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo”.

Miñones engade que “o crecemento exponencial de Ames non pode quedar de lado para as Administracións xa que son moitas as necesidades que existen debido a este aumento de poboación e que non se están a cubrir por parte da Xunta ou do Estado, como é a EDAR de Sisalde ou as infraestruturas de conectividade para O Milladoiro, ou mesmo a mellora do centro de saúde de Bertamiráns, que se nos prometera e segue sen realizarse”.

Reparto da poboación amesá
En Bertamiráns e no Milladoiro residen 21.609 habitantes, que representa algo máis do 68% da poboación. Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 12.941 habitantes censados (41% da poboación). Mentres que en Bertamiráns están censados 8.668 persoas (27% da poboación). Os 9.867 habitantes (32% da poboación) restantes distribúense entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Esta poboación repártese do seguinte xeito: en Agrón residen 381 persoas; na Ameixenda 330; na parroquia de Ames 1.557; en Biduído 1.680; en Bugallido 1.550; en Covas 966; en Lens 94; en Ortoño 2.605; en Piñeiro 245; Tapia 121; e en Trasmonte 338.

Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen catro puntos de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 15.119 homes, que representa o 48% da poboación, mentres que elas son 16.357 e representan o 52%.

O rexedor municipal explica que “debido ás características da poboación de Ames, que é eminentemente xoven, temos que seguir apostando polos servizos municipais que se están ofrecendo e incluso reforzar os programa de conciliación da vida familiar e laboral, como así estamos facendo coa posta en marcha da terceira edición do Entroido Lúdico e coa posta en marcha de programas de promoción de hábitos saudables e deportivos como é o caso do programa Ames saudable”.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabilizaba un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). O incremento nos últimos tres anos (comezos de 2015 a comezos de 2018) foi un pouco máis moderado con 1.209 novos habitantes amesáns.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames roza los 31.500 vecinos y lleva casi dos décadas incrementando su padrón"
La Voz de Galicia: "El censo municipal de Ames registra 31.476 vecinos, el 41 % en Milladoiro"
El Correo Gallego: "Santiago, motor de crecemento para os concellos limítrofes"