Pestanas principais

Ames completa o ciclo de asistencia social coa vivenda de tránsito e soporte socio-educativo de Firmistáns

Mércores, 14 de novembro de 2018

[14-11-2018] A concelleira de Economía e Facenda e alcaldesa en funcións, Genma Otero, a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, realizaron esta maña unha visita para presentar a vivenda de tránsito de Firmistáns xa lista para a súa posta en funcionamento. Trala rehabilitación, financiada ao abeiro da convocatoria 2017-18 da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, o edificio convertese nun fogar de tránsito e soporte socio-educativo, que acollerá de xeito temporal a persoas en situación de risco social.


Durante a visita, presentouse a nova disposición do edificio tralo remate das obras de rehabilitación. Así, a antiga escola unitaria converteuse nunha vivenda cunha planta superior composta por dous dormitorios dobres, con capacidade para un total de oito persoas, dous baños completos e unha pequena zona de lecer. A planta de abaixo, pola súa banda, é unha estanza multidisciplinar e aberta composta dunha cociña-comedor e unha sala de estar. Esta estanza foi decorada co obxectivo de que, con pequenos e fáciles movementos de mobiliario, poida ser adecuada as necesidades do momento, como pode ser o seu uso como vivenda adaptada ou o desenvolvemento de obradoiros, entre outras.

Así, o salón da planta inferior converterase no espazo onde se realizarán accións de terapia grupal, empoderamento, e outras actividades que variarán dependendo das necesidades. Ademais, as obras de rehabilitación tamén consistiron na renovación das instalacións da rede eléctrica, fontanería (auga fría e quente), saneamento (pluviais e fecais), telefonía e telecomunicacións, así como da iluminación e mobiliario.

Coa rehabilitación desta antiga escola unitaria dótase ao Concello de Ames dun recurso habitacional propio, dispoñible para acoller persoas en situación de risco social temporal, ben pola existencia dunha situación puntual de risco (desafiuzamentos de familias, catástrofe ou accidente no aloxamento habitual), ou ben dar cobertura temporal de aloxamento e manutención a persoas cun risco estrutural, pobreza, ausencia de aloxamento, ou inviabilidade de manutención, nenos en acollida temporal, etc. Este edificio tamén pode ser empregado para dar comidas a persoas de escasos recursos, despensa de banco de alimentos, etc.


Asemade, este proxecto, debido as súas características de versatilidade dará cabida a distintas actividades comunitarias temporais ás que no seu momento sexa preciso dar soporte municipal. Esta actuación pretende ser o inicio da constitución dunha rede de base parroquial de edificacións de similares características, que dean servizo ao concello e ás súas comunidades e que se convertan pioneiras desde o punto de vista das prestacións desenvolvidas. O lugar será tamén un punto de integración e animación comunitaria.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, afirma que "con esta vivenda o que se pretende é dar resposta a unha demanda existente no noso Concello, que non é outra que dar unha solución habitacional de urxencia aos veciños e veciñas. Este proxecto consiste nun aloxamento de carácter temporal e urxente en réxime de autoxestión para colectivos especialmente vulnerables, que carezan de recurso residencial e/ou recursos económicos, e apoialos no desenvolvemento das capacidades necesarias para a busca activa de vivenda e a recuperación dunha vida autónoma. Para iso non só se lles proporcionará unha residencia temporal, senón tamén información, apoio e recursos sociais, psicolóxicos, e económicos que lles axuden na súa inserción social, así como ofrecéndolles pautas socio educativas, orientándoos en aspectos xurídicos e legais e formándoos en valores de igualdade e resolución de conflitos".

Este proxecto xorde da necesidade, detectada tanto polo Departamento de Servizos Socias como polo Centro de Información á Muller e a Policía Local, da necesidade de ter un recurso habitacional propio e dispoñible as vinte e catro horas dos 365 días. Para levalo a cabo, o Concello de Ames contou cunha axuda de 70.670 euros, ao abeiro da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020, cofinaciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), xestionada a través do GDR Terras de Compostela. A petición desta axuda foi tramitada pola Concellaría de Promoción Económica en base a un proxecto elaborado de xeito coordinado polo técnico de Promoción Económica e as asesoras xurídicas do departamento de Servizos Sociais. Asemade, as obras foron adxudicadas na Xunta de Goberno Local do pasado 21 de setembro de 2017 por un importe de 85.910 euros, IVE incluído. A edificación conta con 107,12 metros cadrados de superficie útil, situada nunha parcela de 729,00 metros cadrados.

A adquisición do equipamento do Fogar de tránsito fíxose a través dunha axuda de 16.000 euros, para dotar a esta vivenda de mobiliario de cociña, electrodomésticos e mobles. O importe está subvencionado nun 80% polo FEDER dentro do programa operativo de Galicia 2014/2020, con encaixe no obxectivo temático 9: promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, recollido na Orde do 24 de xullo de 2018 da Consellería de Política Social, pola que se subvencionan investimentos en centros de inclusión e emerxencia social, que desenvolverán as corporacións locais nos exercicios 2018-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondo Social Europeo 2014-2020.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Completado o ciclo de asistencia social coa vivenda de tránsito de Firmistáns"
El Correo Gallego: "Ames abre o fogar de tránsito "
Lindeiros: " Ames abre un fogar de tránsito en Firmistáns"
La Voz de Galicia: "Ames abre una «vivenda de tránsito» para apoyar a personas en riesgo social"